Pantech presenta un tabletófono con lector de pegadas dixitais

xoves, 10 de outubro do 2013 Marcus Fernández

A incorporación do sensor TouchID no iPhone 5S está a facer que algúns fabricantes recuperen o por moitos esquecido sensor de pegadas dixitais, e un dos móbiles que dá tal paso é o Vega Secret Note da compañía surcoreana Pantech, que inclúe a lectura de pegadas para protexer a información persoal, á vez que presenta un atractivo tabletófono con pantalla de Full HD de 5,9 polgadas, lapis dixitalizador, sensor táctil traseiro, conectividade LTE e a opción que equipalo cunha funda que deixa visible unha pequena fiestra na podemos acceder ao control multimedia e a outras funcións coa tapa pechada.
Queda claro así que non estamos ante un dispositivo de baixa gama, senón dun móbil moi completo, que pode competir sen moito problema con, por exemplo, os GALAXY Note de Samsung, pois funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 800 de 4 núcleos a 2,3 GHz, 3 Gb de RAM, cámaras de 13 e 2 Mpíxeles, 32 Gb de almacenamento interno e sistema operativo Android 4.2.2. O seu grosor é de só 8,85 milímetros, pesa 190 gramos e venderase en cor branco ou negro por 900.000 wons (620,39 euros).

O smartphone pode completarse cunha funda que deixa á vista unha pequena área da súa pantalla

PUBLICIDADE