Paramount Network di adeus á TDT esta noite

mércores, 31 de decembro do 2025 Marcus Fernández

Están vivos é o filme co que se despide da TDT Paramount Network

O ano pasado vivimos o adeus de Disney Channel na TDT, transformándose a canle televisiva en Squirrel, onde dende xaneiro podemos ver filmes e series de televisión, e esta madrugada a xogada repítese, sendo Paramount Network a canle que se despide coa emisión do clásico Están vivos de John Carpenter, para dar paso a unha nova canle tamén administrada por Squirrel Media.
Para a explotación destas canles Squirrel Media pechou un acordo con Publiespaña (compañía do grupo Mediaset) para a comercialización dos espazos publicitarios de Squirrel, Squirrel dos (a nova canle) e BOM Cine (que podería pasar a chamarse Squirrel tres nunha data sen confirmar). Cómpre lembrar que BOM Cine é unha canle con licenza autonómica, polo que non está dispoñible en todo o territorio estatal.
Quen bote en falla a programación de Paramount Network, cómpre salientar que na plataforma Pluto TV é posible gozar dunha versión desta oferta audiovisual, facilitando así o acceso a numerosos títulos cinematográficos da Paramount de balde (con publicidade).

Paramount Network atopou un novo fogar en Pluto TV