Parkapp recunca como aplicación colaboradora do Marisquiño

xoves, 19 de xullo do 2018 Fernando Sarasketa

O festival O Marisquiño, que se celebra en Vigo entre o 10 e o 12 de agosto xuntando seareiros da cultura urbana e os deportes extremos de todos os recantos da nosa terra e dos ámbitos estatal e internacional, volverá contar coa tecnoloxía de Parkapp para achegar as máximas facilidades de estacionamento aos participantes. A empresa, responsábel da aplicación móbil do mesmo nome, estará presente no certame por cuarto ano consecutivo.
A súa colaboración materializarase en cousas como importantes rebaixas no aparcadoiro, que baterá récords en materia de tarifas low cost. O obxectivo: “Achegar un servizo extra de praza de aparcamento segura, cómoda e económica a todo aquel que se anime a asistir ao festival, considerado xa un evento de referencia a nivel mundial”.
Parkapp ofrecerá os seus servizos desde www.omarisquiño.com ou dende a ligazón específica da aplicación.
Parkapp, como lembraremos, é unha aplicación galega encamiñada a facilitar aos condutores a localización do aparcamento máis próximo (ademais de abranguer opcións de utilidade na apertura de garaxes ou de permitirlles coñecer os prezos de estacionamento e realizar reservas a través do teléfono móbil). Entre as cidades adheridas ao servizo atópase (precisamente) Vigo, que arrancou tirando proveito de Parkapp en catro parkings da cidade.

PUBLICIDADE