Parrot estrea no verán un kit de mans libres con recoñecemento de voz

venres, 13 de xullo do 2012 Marcus Fernández

Facer uso dun sistema de mans libres no automóbil non precisa de complexas instalacións, senón que no mercado existen distintos dispositivos autónomos que poden colocarse directamente na viseira do vehículo e que comunícanse co móbil a través de Bluetooth, e nesta liña Parrot vai levar ás tendas españolas durante este verán o novo MINIKIT Neo, unha solución de mans libres que integra recoñecemento de voz, de xeito que dicindo a palabra MINIKIT seguida do nome do contacto ao que queremos chamar podemos controlar unha chamada sen desviar a mirada da condución nin ocupar as mans (tal función tamén serve para aceptar ou rexeitar unha chamada entrante).
Este dispositivo pode sincronizarse con 2 móbiles (podendo alternar entre cada unha das súas axendas), ten unha excelente calidade sonora (incorpora tecnoloxía de redución de ruído), contará con actualizacións de software, ten unha batería que pode aguantar ata 6 meses en espera e 12 horas en conversa (evitando incómodos cables de alimentación) e incluso conta cun sensor de vibracións para acenderse de xeito automático tras o acendido do noso vehículo.
Cómpre destacar que este dispositivo non só funciona con Bluetooth 3.0, senón que tamén é compatible con NFC, o que facilita un doado emparellamento mediante unha etiqueta NFC. Este dispositivo de mans libres mide 94 x 54 x 39 milímetros, pesa 69 gramos, ten un altofalante de 3 W e terá un prezo estimado de 99 euros. Tamén podemos destacar que dende Parrot están a desenvolver unha aplicación para smartphones que pode resultar de grande utilidade, por integrar as funcións básicas do MINIKIT Neo, engadindo tamén funcionalidades como un localizador de vehículos (lembrando a última posición), un cronómetro de aparcadoiro (para, por exemplo, saber se temos que ir mudar o ticket da ORA) ou incluso o envío dunha resposta automática mediante SMS se rexeitamos unha chamada telefónica mentres imos conducindo.


Vídeo promocional do novo Parrot MINIKIT Neo