Patricia Argerey enxalza a aposta innovadora da firma viguesa Selmark

martes, 23 de xaneiro do 2024 S. P.

A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, visitaron este martes 23 a sede en Vigo da empresa de lencería Selmark que está a desenvolvendo un plan de innovación a través do programa InnovaPeme 2023 da Xunta de Galicia.
O plan de Selmark ten como principais obxectivos facilitar a incorporación de novos procesos, por exemplo a mellora da operativa do almacén mediante novas tecnoloxías, a posta en marcha dun proxecto piloto de preparación de pedidos de baixo número de prendas co fin de axilizar o proceso e evitar erros, ou o redeseño das canles de comercialización máis acordes coas esixencias do mercado. O plan tamén busca “potenciar a posibilidade de personalización dos artigos na tenda online”.
A peme viguesa investirá no período 2023-2024 preto de 123.000 euros en innovación para ser máis competitiva. Selmark xa participou en diversos proxectos de I+D como o desenvolvemento de suxeitadores protésicos personalizados para casos de mastectomía; un plan de innovación en procesos e mercadotecnia da liña Selmark Care dirixida a mulleres que padeceron cancro de mama ou o desenvolvemento dun sistema láser robotizado para a automatización da produción de pezas personalizadas.
Tal e como se informou durante a visita, a convocatoria 2024 da liña de axudas de InnovaPeme, conxuntamente coa liña DeseñaPeme, prevese publicar no Diario Oficial de Galicia o vindeiro 13 de febreiro co obxectivo de seguir introducindo a cultura da innovación no tecido produtivo galego e, es especial, nas pemes e microempresas galegas.