Patricia Argerey fai unha proclama a prol da I+D+i como fórmula infalíbel para a recuperación

venres, 22 de outubro do 2021 S. P.

Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), participou este 21 de outubro no II Foro de Economía Prospectiva de Galicia, organizado na Coruña pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP). Argerey, na súa intervención, asegurou que a Investigación, o Desenvolvemento e a Innovación son claves para proceso de recuperación económica, polo que instou ás empresas a aproveitar as oportunidades ligadas a esta nova realidade para garantir “un crecemento sostido e sustentábel”.
Argerey afirmou que este cambio de modelo debe ir acompasado coa transición ecolóxica e dixital, prioridades tanto a nivel europeo como en Galicia e factores clave para impulsar a competitividade do tecido produtivo. Neste proceso, apuntou, o papel da Administración debe ser planificar, escoitar, innovar, executar e acompañar.
A directora de GAIN explicou que o Goberno galego atópase actualmente inmerso no proceso de definición da futura Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027, que “será a folla de ruta das políticas de innovación nos vindeiros anos” e dende a cal propúgnase “un modelo de desenvolvemento territorial baseado na innovación para gañar en competitividade”. Esta iniciativa, que parte dunha visión compartida sobre as capacidades e potencialidades de Galicia, terá entre as súas prioridades a transición medioambiental e dixital, así como a orientación ás persoas.
Para “lograr este novo modelo de desenvolvemento territorial”, Patricia Argerey apuntou que é preciso sumar esforzos e animou a aproveitar a oportunidade que supoñen os fondos europeos Next Generation. Neste sentido, destacou algúns proxectos tractores galegos que aspiran a conseguir fondos europeos, como o Polo para a Transformación de Galicia, unha iniciativa de colaboración público-privada que agrupa unha serie de proxectos de modernización industrial cos que se pretende avanzar cara a transición ecolóxica, a loita contra o despoboamento e o reto demográfico; o Polo Aeroespacial de Galicia, que pretende consolidar o espazo tecnolóxico e industrial creado arredor dos vehículos non tripulados na Comunidade; o Polo de Tecnoloxías Cuánticas, co obxectivo de axudar ao progreso do tecido produtivo e investigador a través da súa transformación dixital; e o proxecto para impulsar a Zendal como un dos grandes centros estratéxicos para a produción de vacinas e produtos sanitarios, en liña coa Estratexia de Consolidación da Biotecnoloxía en Galicia.
Argerey asistiu logo ao evento celebrado por Everis en Oleiros para anunciar o seu cambio de marca por NTT DATA, compañía xaponesa que adquiriu Everis hai 7 anos. Segundo datos facilitados pola empresa, NTT DATA é a sexta compañía de servizos de tecnoloxías da información do mundo, está presente en máis de 50 países e conta con preto de 140.000 empregados.

PUBLICIDADE