Patricia Argerey presenta as axudas autonómicas da innovación ao tecido emprendedor pontevedrés

venres, 2 de febreiro do 2024 S. P.

A Xunta presentou na sede arousá da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa os instrumentos autonómicos de apoio á innovación en pemes, no transcurso dunha xornada introducida pola directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e o vogal da Cámara PVV e director xeneral de Kemegal Químicos, Miguel Ángel García Miguéns.
O obxectivo foi dar a coñecer as novidades das novas convocatorias de axudas, como por exemplo os Bonos de Innovación ou os programas DeseñaPeme e InnovaPeme. Tamén se tentou resolver dúbidas e propiciar un espazo de networking para o contacto entre persoas emprendedoras da provincia de Pontevedra.
Respecto diso, Miguel Ángel García transmitiu aos asistentes o papel da Cámara de Comercio como aliada na transformación do tecido produtivo. “Poñemos á vosa disposición o noso servizo de asesoramento para emprendedores, ademais dunha completa formación en diversos programas, e impulsamos un proxecto ilusionante, Dixital hubNET, que implicará a posta en marcha de dous centros conectados en Pontevedra e aquí, en Vilagarcía, enfocados á transformación dixital das pemes e ao emprendemento en sectores estratéxicos do tecido económico galego”, indicou.
Na xornada presentáronse casos de éxito de pemes innovadoras beneficiarias das liñas de axudas de GAIN en anteriores convocatorias, como Craftium, unha empresa de Intelixencia de Mercado enfocada á adquisición, análise e procesado de información para a definición de estratexias. “A través da nosa participación en DeseñaPeme 2023, deseñamos unha plataforma de fluxos loxísticos que permitirá caracterizar as cadeas de subministro e loxísticas das empresas, anticipando comportamentos”, indicou Sara Ruadas, consultora de Craftium.
Tamén participou Mónica González, de Tacore, compañía dedicada ao deseño e fabricación de liñas completas de procesado de peixe, solucións de almacenaxe e automatización mediante robótica, que se beneficiou das vantaxes de InnovaPeme en 2021.
Con esta xornada, que se está celebrando nas catro provincias galegas, a Axencia Galega de Innovación quere animar ás micro, pequenas e mediano empresas e entidades do terceiro sector social a innovar, con independencia do seu tamaño, localización, ou sector. Para eso, póñense á súa disposición non só axudas económicas, senón apoios nun sentido máis amplo como asesoramento ou axuda na preparación de propostas a programas europeos, por exemplo. Estes programas están incluídos no mapa de apoios conxunto da Xunta de Galicia a I D i que integra 37 instrumentos de 13 departamentos.
En concreto, na xornada de hoxe presentáronse as convocatorias de Bonos de Innovación, Bonos para a preparación de candidaturas a programas europeos de I+D+i, DeseñaPeme e InnovaPeme. O programa de Bonos de Innovación, dotado cun orzamento de 750.000 euros, abriu o prazo de solicitude ata o próximo 22 de febreiro. O seu obxectivo é impulsar os primeiros pasos para innovar en autónomos, microempresas, pemes e entidades do terceiro sector de acción social, e ademais permitir dar visibilidade á innovación que estas levan a cabo. Para isto, apoia a contratación de servizos externos de axentes innovadores con vistas a conseguir un salto cualitativo e cuantitativo na súa actividade de I+D+i a curto prazo.
Pola súa banda, os Bonos para a preparación de candidaturas a programas europeos de innovación destinarán 500.000 euros en concorrencia non competitiva a apoiar a preparación de propostas tanto de pemes como de organismos de investigación, co obxectivo de impulsar a participación de entidades galegas nestes programas. Esta liña de axudas, cuxas intensidades de axuda oscilan entre o 30 e o 60%, prevese publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) nas próximas semanas.
Por último, as convocatorias de InnovaPeme e DeseñaPeme, dotadas con 4,5 millóns de euros, publicarase o próximo 13 de febreiro no DOG. Trátase de axudas dirixidas a pemes para financiar as actividades integradas en plans de deseño para a innovación e a sustentabilidade e en plans de innovación en procesos e organización, co obxectivo de sistematizar e fortalecer a innovación nestas empresas. A intensidade da axuda é do 50% e o importe pode oscilar entre 25.000 e 75.000 euros.