Patricia Argerey reclama en Madrid apoios para o Polo Aeroespacial de Galicia a través do PERTE do sector
martes, 26 de xullo do 2022
- Patricia Argerey, directora de GAIN, nunha imaxe de arquivo de Bioga
Patricia
Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación, participou este
martes 26 de xullo na reunión sobre o PERTE (Proxecto Estratéxico
para Recuperación e Transformación Económica) do ámbito
aeroespacial xunto coa ministra de Ciencia e Innovación, Diana
Morant, amais de representantes das comunidades autónomas e dos
organismos de invesatigación, empresariais e sindicais de meirande
relevancia neste eido tecnolóxico e innovador. Argerey defendeu o
“papel protagonista que debe ter o Polo Aeroespacial de Galicia no
que atinxe ao reparto de recursos do PERTE vencellado a este sector”.
Por este motivo, solicitou o apoio do Ministerio de Ciencia e
Innovación para que os proxectos de I+D+i da iniciativa estratéxica
do Goberno galego, especializada no segmento dos vehículos non
tripulados, conten con financiamento destes fondos europeos.
Nun
plano máis concreto, Argerey salientou o importante peso que ten o
sector en Galicia e pon en valor que no marco do Polo Aeroespacial de
Galicia se teñan investido 164M€ en proxectos de I+D+i no segmento
dos vehículos e sistemas non tripulados nos últimos cinco anos; e
que xa están en execución outros 84 M€ dos 540 M€ previstos na
nova planificación estratéxica que se desenvolverá ata 2025, “un
investimento público-privado condicionado ao acceso a financiamento
europeo como é o caso do PERTE”, dixo.
A
directora tamén insistiu “na necesidade de coordinación” e “de
sumar capacidades e esforzos na I+D+i aeroespacial, na que Galicia
ten unha posición de referencia en España”. Neste senso, lembrou
que o Consorcio Aeronáutico Galego agrupa a máis de 40 empresas,
centros tecnolóxicos e de coñecemento “dun sector de alta
tecnoloxía que se foi consolidando nos últimos anos e que en 2021
mantivo o emprego e pechou o exercicio cun incremento de facturación
do 6%”. E engadiu:” A industria aeronáutica e aeroespacial
galega medrou de forma sólida e segue a ser un sector en pleno
crecemento para o que os fondos europeos de recuperación, o PERTE
Aeroespacial e o Polo terán un efecto positivo para acadar os seus
obxectivos e situar Galicia no panorama internacional”.