Patrimoniogalego.net acada un novo éxito: dous mil bens catalogados na Rede

venres, 28 de setembro do 2012 Fernando Sarasketa

A distribución dos bens inventariados representados no mapa galego

O proxecto Patrimoniogalego.net, posto en marcha na Rede para rexistrar e preservar a non sempre valorada e respectada riqueza patrimonial da nosa terra, vén de acadar un novo éxito na súa liña de traballo colectivo, materializando (primeiro) e enriquecendo (despois) o seu catálogo-comunidade. Nun plano máis concreto, os membros desta rede xa foron quen de catalogar dous milleiros de bens culturais emprazados nosa terra, e engadido de telo feito moito antes do previsto (un ano despois de ter posto en marcha o proxecto na Internet). Este éxito, sinalan os responsábeis de patrimoniogalego.net (entre os que se conta o noso compañeiro Manuel Gago), foi debido sobre todo ao esforzo desinteresado dun cada vez máis amplo grupo de colaboradores, “dispostos a contribuír coa súa dedicación a preservar o rico patrimonio cultural aínda existente en todo o noso territorio”.
Segundo engaden, a metodoloxía elixida para dar forma a este inventario, do que temos falado en Código Cero con motivo da súa posta en funcionamento e do primeiro gran éxito de traballo en mancomún, é a fórmula do catálogo social, en boa medida responsábel do éxito acadado. “Este tipo de formatos”, sinalan, “permítenlle á cidadanía poder involucrarse de xeito activo a través dunha participación directa no proxecto, ao contrario do que ocorre cos catálogos oficiais”. A principal consecuencia destes novos formatos é que é posíbel crear redes amplas de voluntarios, no caso concreto que nos ocupa dirixida a documentar e preservar os nosos bens contándose coa vantaxe dunha cobertura íntegra de todo o territorio galego.
Os participantes teñen a posibilidade de rexistrar un ben patrimonial a través da creación dunha ficha virtual. Nela figuran fotografías e datos identificativos do ben en cuestión, así como o seu estado de conservación ou como chegar onda el. Os usuarios dispoñen de material facilitado polos editores de patrimoniogalego.net, como os impresos, que poderán empregar cando realicen algún traballo de campo, nos que figuran aspectos de interese dos bens, como a súa datación, a súa propiedade ou a súa descrición. Unha vez recollida a información , os catalogadores poden daquela subir a ficha ao inventario en liña, quedando deste xeito constancia na web da existencia dun monumento ou dun ben cultural determinado. “É máis”, engaden os responsábeis do proxecto, “de non figurar toda a información necesaria, os propios editores do catálogo encárganse de contrastala e de completala, sempre na medida do posible”. En caso de non acadalo, a ficha fica en suspenso ata que se dispoña de datos suficientes relativos a ese ben en concreto.
Por certo que a ficha número 2000 correspondeu a un edificio civil urbano de carácter senlleiro: o que alberga o instituto de Santa Irene, emprazado na parroquia viguesa de Coia. Foi subida por Óscar Franco, un dos colaboradores máis activos neste catálogo social. Xunto con el, outros catalogadores que superaron a centena de bens inventariados son Elixio Vieites, Xosé Troiano, Gavilanes67, Xandinathry, Xocas e Manuel Rial.