Patrimoniogalego.net logra os 6 mil bens rexistrados e documentados

mércores, 24 de setembro do 2014 Redacción

O catálogo social Patrimoniogalego.net acadou xa os 6 mil bens inventariados. Trátase non só dunha boa nova para os responsábeis desta comunidade que centra os seus esforzos en dar conta dos nosos bens materiais, consolidando así o crecemento da propia rede, senón que tamén é unha boa nova para o noso legado cultural e etnográfico en si mesmo, xa que nos máis dos casos de construcións ou manifestacións artísticas inventariadas reclámase directamente unha solución ao seu probábel abandono. A maiores, a cifra acadada por este rexistro público en liña dos nosos monumentos constata a arela dos seus impulsores de cubrir a meirande parte da nosa xeografía. E cara a aí e cara a onde se dirixen: cara a non deixar nada por inventariar.
Segundo nos contan, a ficha número 6.000 corresponde aos bucranios romanos de Tomonte, presentes nunha fonte no concello de Vilardevós, cuxo autor foi o catalogador Xabier Moure.
Agora, o obxectivo é que o catálogo social acurte distancias coa súa meta de acadar os dez mil obxectos inventariados, a razón duns dous mil bens ao ano. Lembrar que logo de ser creado en 2011, o portal foi sumando usuarios e visitantes, superando só no que vai deste ano a cifra récord de 160 mil visitas.
Un dos obxectivos iniciais de patrimoniogalego.net era chegar a abranguer todo o territorio galego, “con independencia da brecha dixital que divide o país”. Segundo informan os responsábeis do catálogo en liña, “este propósito está máis preto de se cumprir, posto que os bens rexistrados están emprazados nuns trescentos concellos, ou, o que é o mesmo: na práctica totalidade dos municipios que conforman o país”.
Pontevedra e de Vigo, con máis de duascentas fichas localizadas en cada unha das cidades, son os termos municipais con maior representación no catálogo, ao igual que acontece coas súas respectivas comarcas malia que na orde inversa.
Entre os xa máis de seis mil monumentos inventariados, ocupan un lugar preferente os cruceiros e mais as igrexas, con máis dun milleiro de fichas por cada un destes tipos de bens. Séguenlles, de lonxe, os castros, os petróglifos, os muíños, os dolmens, os pazos, as fontes, as pontes, os petos de ánimas ou os hórreos.
Lembrar tamén que amais do nome, a tipoloxía, o estilo, a datación, a propiedade ou o nivel de conservación dos obxectos catalogados, o portal tamén informa sobre como chegar onda eles e mailo estado no que se encontran os accesos. Outro aspecto ao que se lle dá especial relevancia nas fichas subidas polos catalogadores é o da tradición oral asociada aos monumentos, co obxectivo de axudar a conservar tamén as lendas ou as cantigas relacionadas cos bens inventariados.
Os impulsores da iniciativa tamén recordan que esta “constitúe xa un arquivo fotográfico de primeira orde, posto que comeza a ser empregado como o álbum de referencia á hora de consultar en liña a imaxe dun determinado monumento en Galicia”. E engaden: “Co paso do tempo, a web converteuse, polo tanto, nunha ferramenta útil para moitos internautas que buscan información sobre a riqueza monumental localizada naquelas áreas que pretendan visitar e sobre a súa accesibilidade”.

PUBLICIDADE