Pebble, un reloxo intelixente con pantalla de papel electrónico

xoves, 12 de abril do 2012 Marcus Fernández

Poderemos empregar o reloxo de pulso para controlar a reprodución multimedia do noso smartphone

Os responsables de achegar ao mercado o reloxo de pulso inPulse Smartwatch (do que xa falamos hai máis de 2 anos), que permitía conectarse a smartphones BlackBerry e Android para amosar mensaxes de texto, correos electrónicos, eventos do calendario e a identificación de chamada do móbil dun xeito atractivo, decidiron levar ese tipo de funcionalidades ao iPhone, e revolucionala dotando ao reloxo dunha pantalla de tinta electrónica, e para poder asumir a súa produción, poder realizar un importante pedido de compoñentes e certificar globalmente a súa conectividade Bluetooth decidiron optar polo crowdfunding a través de Kickstarter. Deste xeito pretendían xuntar 100.000 dólares a través de compras anticipadas dos seus produtos, o que non tiveron complicacións en acadar, pois en só 28 horas superaron o millón de dólares, garantindo que no mes de setembro o reloxo intelixente chamado Pebble será unha realidade, que pretende venderse a uns 150 dólares, pero que os que o adquiran antes de 36 días poderán telo por prezos máis atractivos.
Pebble será un reloxo de pulso con conectividade Bluetooth 2.1 (para comunicarse con móbiles iPhone ou Android) que poderá reproducir aplicacións na súa pantalla de papel electrónico de 144 x 168 píxeles (que garante unha boa autonomía e a posibilidade de ver a pantalla baixo a luz do sol) e que tamén contará con 4 botóns, vibración e acelerómetro, facilitando así o acceso ás funcións de identificación de chamada, a lectura de correos electrónicos, amosar alertas de calendario, ver mensaxes de Facebook, acceder a Twitter, amosar alertas meteorolóxicas ou vibrar para avisar de certos eventos. A súa autonomía sería duns 7 días.

Pebble pode acompañar ao usuario nos seus adestramentos, aproveitando o GPS do móbil para facer un seguimento dos mesmos

Ao poder correr aplicacións, o Pebble non faría só estas funcións, senón que tamén podería empregarse para monitorizar o nosos exercicio corren ou en bicicleta (aproveitando os datos do GPS do móbil), controlar a música que reproducimos no móbil ou nun iPod Touch e incluso facer de axudante ao practicar golf. Convértese así no que dan en chamar “o primeiro reloxo de pulso construído para o século XXI” que poderá mercarse en 3 cores (negro, branco e vermello) aos que se engadirá unha 4ª cor elixida polos usuarios que apoien este proxecto.
Neste momento é posible encargar un Pebble por 115 dólares (aos que habería que engadir outros 15 dólares en concepto de gastos de envío) sendo posible rebaixar tal prezo encargando varias unidades).


Vídeo de presentación de Pebble, onde podemos ver en funcionamento un prototipo real deste revolucionario reloxo de pulso

Pebble tamén terá distintos xeitos de... ¡amosar a hora!