Pechado o prazo para acceder ao premio Gradiant á mellor tese doutoral aplicada ás TIC

venres, 21 de setembro do 2012 Raquel Noya

O Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, Gradiant, vén de pechar o prazo de presentación de propostas para participar no seu Premio á Mellor Tese Doutoral aplicada ao sector TIC 2012, que convoca en colaboración coa Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia.
O galardón ao mellor traballo será entregado o vindeiro venres, 26 de outubro, no transcurso da XVII Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, que se celebrará na Illa da Toxa.
Con este premio, dotado con 2.000 euros en metálico, Gradiant pretende fomentar a realización de teses doutorais “como vehículo de xeración de coñecemento”, apuntan, e recoñecer a aquelas persoas dedicadas á investigación que teñan completada a súa tese doutoral nalgunha das tres universidades galegas, nun eido aplicable ao sector TIC.

PUBLICIDADE