Pechan a páxina web non oficial da Xeración Xabarín

mércores, 6 de marzo do 2013 Marcus Fernández

Casar dereitos de autor, marcas rexistradas e propiedade intelectual cos seareiros dos produtos audiovisuais non sempre é doado, polo que non son poucos os casos nos que os posuidores dunha marca vense abocados a actuar ante o seu uso por parte de terceiros aínda que sexa con boa fe en vez de facer a vista gorda (o que vén a ser a práctica habitual no sector audiovisual). Agora temos un caso que tócanos moi de preto aos galegos, pois a páxina web Xeración Xabarín publicada baixo o dominio xabarin.org está a informar do cesamento das súas actividades, ao parecer, por mor dunha reivindicación da CRTVG, de xeito que o espazo en liña xa non está dispoñible para evitar accións legais contra os seus responsables.
O espazo web da Xeración Xabarín recollía información sobre o Clube da Galega, que ía dende instrucións sobre como afiliarse ata detalles sobre os fenómenos musicais que xurdiron ao seu redor, converténdose nun lugar axeitado para atopar os populares videoclips de rock bravú e os discos que recollían tales temas musicais, as cancións das distintas series (e as súas letras) e incluso facilitaba ligazóns a distintas plataformas que achegan os contidos do programa de televisión á carta. Para facernos unha idea do impacto que tiñan estes contidos na Internet podemos ver algúns dos vídeos de Xeración Xabarín publicados en Vimeo e moi especialmente os cargados a YouTube, pois estes últimos acumulan máis de 200.000 reproducións, deixando constancia da demanda que ten este material.
Xeración Xabarín era un proxecto en liña nacido en 2007 ante o baleiro existente na web sobre o Xabarín Club, que decidiron ocupar con contidos feitos por e para afeccionados, o que non é a primeira vez que acontece, pois xa a finais dos anos 90 existía unha páxina alternativa do Xabarín Club (que demandaba a creación dunha páxina web oficial do espazo televisivo, que chegou meses despois e que actualmente está desaparecida) e, xa dun xeito máis constante no tempo, temos iniciativas como Os Arquivos da Meiga, que fomentan a conservación e o intercambio de material audiovisual en galego, á vez que serve de punto de encontro para os seus máis de 3.000 usuarios rexistrados no seu foro, contribuíndo á aparición doutras iniciativas como SubtitulosEnGalego.com.

Xeración Xabarín despediuse dos seus seareiros a través de Twitter

PUBLICIDADE