Pechan a revista Business 2.0

mércores, 5 de setembro do 2007 Marcus Fernández

Pese a que a crise das puntocom xa foi hai anos, parece que aínda se continúa a reproducir as súas consecuencias, e a publicación Business 2.0, revista tecnolóxica sobre a nova economía que conta cuns 600.000 subscritores, botará o peche tralo seu número do mes de outubro.
Time Inc. tomaría a decisión do peche da publicación en base á redución dos seus ingresos publicitarios e rumoréase que o seu competidor directo, a revista Fast Company, podería estar interesado en facerse coa marca e a carteira de subscritores.
Este mércores persoal de recursos humanos e directivos de Time Inc. visitarán a sede da revista en San Francisco para pechar formalmente a súa actividade, co que remataría a vida dunha revista que nacera en 1998 converténdose en todo un referente no sector do que xa quedan poucos actores.

PUBLICIDADE