Pechan as oficinas de TikTok en Canadá

xoves, 7 de novembro do 2024 Marcus Fernández

François-Philippe Champagne é o ministro canadense de Innovación, Ciencia e Industria

O Goberno de Canadá vén de anunciar medidas contra TikTok no seu territorio ao considerar que supón un risco para a seguridade nacional. Estamos ante unha orde de cesamento de actividades nas oficinas de TikTok Technology Canada, Inc., o que resulta bastante rechamante polo mero feito de que os cidadáns continuarán a poder empregar a aplicación social e as empresas continuarán a poder anunciarse na plataforma.
François-Philippe Champagne, o ministro de Innovación, Ciencia e Industria, asegura ao respecto que as medidas contra TikTok están baseadas en informacións e evidencias recollidas por múltiples axencias e socios, pero «o Goberno non está a bloquear o acceso dos canadenses á aplicación de TikTok e a súa habilidade para crear contido» por considerar que «a decisión de utilizar unha aplicación ou plataforma social é unha decisión persoal».
Estamos ante un xeito de actuar moi rechamante, pois non soluciona ningún problema, e probablemente remate coa reapertura das oficinas de TikTok tras o recurso que pretende presentar a compañía.