Péchase a primeira edición da aceleradora de R cun Demo Day dos proxectos participantes

mércores, 17 de xullo do 2019 Redacción

Este 17 de xullo celebrouse na Cidade de Cultura de Santiago a presentación dos logros acadados pola aceleradora da operadora galega R, a startups DiCo Challenge. A cita, un Demo Day, significou o peche da primeira edición de DiCo. Ao seu abeiro mostráronse múltiples e interesantes detalles dos catro proxectos que participaron na estrea da lanzadeiras. Participaron os representantes das entidades impulsoras da aceleradora (R, a axencia AMTEGA), os responsábeis dos ditos catro proxectos e unha manchea de empresas e de potenciais clientes dos seus servizos.
Eladio Otero, xefe do Departamento de Innovación Tecnolóxica da AMEGA e máis Alberto Díaz Freire, responsábel de servizos de Transformación Dixital de R e do Grupo Euskaltel, foron os encargados de abrir a xornada de demostración, na que as catro iniciativas impulsadas expuxeron, ante una audiencia do sector, os logros e avances obtidos dentro do plan da aceleradora de contidos dixitais de R ao longo dos últimos meses.
Eladio Otero lembrou que DiCo Challenge enmárcase no Plan Dico Mindset para promover o sector dos contidos dixitais en Galicia; unha estratexia impulsada dende a Administración autonómica en colaboración co Clúster TIC e do Audiovisual de Galicia para configurar “un sector de contidos dixitais galego máis potente, maduro e competitivo, que neste momento aglutina arredor de 900 empresas con preto de 5.400 empregados”.
Pola súa banda, Alberto Díaz Freire salientou que “xunto aos retos de referencia dos 4 proxectos desenvolvidos con éxito durante estes meses, consideramos igualmente acadado o reto primeiro de R: levar adiante esta primeira edición do programa startupsR DiCo Challenge, un plan con vocación de futuro para atopar talento emprendedor en Galicia e fornecer dun novo empurre os contidos dixitais na nosa Comunidade”.
Logo das presentacións, o responsábel de Audiovisuais de R e do Grupo Euskaltel, Javier Rodríguez, destacou a “importancia da relación entre os equipos dos proxectos e os mentores, factor que foi o verdadeiro motor do traballo ao longo dos catro meses da fase de aceleración, co foco sempre posto en solucións de interese para o sector dos contidos profesionais e pensando, en suma, nos usuarios finais”.
As presentacións
Durante algo máis dun hora, da man de mentores e voceiros dos equipos dos proxectos, o auditorio coñeceu ao detalle as ideas desenvolvidas no programa: xogos para a mente, teatro en realidade virtual, trámites áxiles e intelixencia televisiva.
No eido das aplicacións para Android TV, Norman Suárez, de Cuicui Studios defendeu o proxecto Brain Games TV, mentorizado por Antonio Ratón, responsábel de Desenvolvemento de Audiovisuais de R e do Grupo Euskaltel, quen explicou que “a plataforma aberta do Grupo Euskaltel, baseada en Android TV, achégalles a outras compañías o desenvolvemento de aplicacións que enriquecen, co seu contido, o valor das nosas propostas audiovisuais. Desta volta incorporamos aos nosos decodificadores unha proposta de xogos e dinámicas deseñadas por pedagogos e validados cientificamente, para público infantil e adulto, que potencian a parte lúdica e nos permiten xogar, co mando da tele, a enredos para aumentar a nosa axilidade mental”.
Na área dos contidos formativos e divulgativos innovadores, Jorge Algora, de Adivina Producciones, explicou o proxecto Teatro Go, mentorizado por Diego Rodríguez Devesa, responsábel de contidos de televisión de R. Trátase dun servizo de retransmisión en diferido de contidos culturais, especificamente teatrais, integrado na plataforma de contidos de R e baseado en tecnoloxías de realidade virtual en 180a. Segundo Diego Rodríguez, “a aplicación permite que calquera persoa poida acceder de xeito sinxelo a esta clase de contidos, e gozar deles cun elevado grao de calidade e realismo, dende o salón da casa pero coma se estivese na primeira fila da platea”. Míkel Díaz, do centro tecnolóxico Gradiant, falou polo miúdo do proxecto AliCE (www.alicebiometrics.com), asesorado por José Cadavid, responsábel de Infraestrutura e Servizos Online de R e do Grupo Euskaltel. A proposta é un sistema de recoñecemento facial pensado para os clientes de R e doutras compañías. “Coa aplicación das chamadas tecnoloxías biométricas de ALiCE seremos quen de xestionar altas e realizar calquera operación contractual dende o móbil, con rapidez e seguridade, confirmando de maneira automática a identificación dos usuarios e evitando a suplantación de identidade”, explicou Cadavid.
Para rematar, Mario Pérez (Galopiño), de Datanimbo Consulting, mostrou os fitos da súa proposta de Big Data para o eido televisivo, unha iniciativa auspiciada por Esther Medina, xefa do Servizo de Innovación no Entorno Dixital da CRTVG. O proxecto consiste na posta en marcha dun sistema de aprendizaxe máquina (Machine Learning) orientado a profundar no coñecemento das comunidades de programas de televisión. Segundo Esther Medina, Datanimbo “contribúe a detectar nas redes sociais comunidades reais de programas en directo da TVG e, polo tanto, facilítanos un maior coñecemento dos espectadores”.
5 retos, 6 meses e 4 gañadores
Un total de 42 propostas (startups e emprendedores, pequenas e medianas empresas e algún centro tecnolóxico e universitario) responderon aos 5 retos tecnolóxicos lanzados o pasado decembro nos inicios da primeira edición de startupsR DiCo Challenge, que se pecha arestora tras 6 meses de traballo. En febreiro, o comité avaliador (dous representantes de R, dous da AMTEGA e máis un da CRTVG, patrocinadora dun dos retos) escolleron 20 propostas que pasaron á fase de preaceleración.
Durante varias semanas, os emprenderores escollidos mantiveron contacto directo cos seus mentores en obradoiros para preparar o seu modelo de negocio e a defensa da súa idea nunha xornada Pitch Day da que saíron os 4 proxectos definitivos que pasaron á fase de aceleración.
Daquela, comezaron os procesos de asesoramento, titoría, formación e seguimento durante 4 meses nos que os proxectos contaron tamén coa axuda económica da AMTEGA para afrontar os gastos cotiáns durante o desenvolvemento do traballo.
Tiraron proveito, amais, do espazo startups R no Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura e traballaron man a man co operador galego, podendo acceder á súa infraestrutura e modelo de negocio e ás súas instalacións, ademais de camiñar a carón de R durante este tempo, “gañando en visibilidade”. De maneira complementaria, quen traballaron no reto patrocinado pola CRTVG contaron cun mentor da entidade e cos seus medios e infraestruturas.
Trala xornada Demo Day deste 17 de xullo, na que as iniciativas gañadoras recolleron un premio en recoñecemento ao seu traballo ao longo destes seis meses, ábrese agora un período de saída progresiva da aceleradora de todas elas.

PUBLICIDADE