Pedro Blanco anima á cidadanía a beneficiarse do DNI dixital, dispoñíbel a través da ferramenta móbil MiDNI

mércores, 16 de abril do 2025 S. P.

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, debullou este mércores 16 de abril os avances recentes do Executivo central na modernización dos trámites e os servizos públicos coa implantación do novo DNI dixital. Blanco animou a toda a cidadanía galega a beneficiarse deste novo servizo que ofrece o Ministerio do Interior a través da Policía Nacional, dispoñíbel coa nova aplicación móbil MiDNI, acompañado polo xefe superior da Policía de Galicia, Pedro Pacheco.
Pedro Blanco supervisou na Comisaría da Coruña a nova ferramenta da Policía implantada polo Ministerio do Interior e aproveitou para activar o seu propio documento dixital no teléfono móbil. “Situámonos á vangarda da tecnoloxía ofrecendo á cidadanía a posibilidade de dispoñer do documento en formato dixital con todas as garantías de seguridade”, salientou o delegado quen avanzou que a aplicación é “moi sinxela, intuitiva e efectiva, cumprindo por completo coas expectativas que tiña o Ministerio do Interior ao poñela en funcionamento”.
Coa nova ferramenta, que é libre e gratuíta, “calquera cidadán poderá acreditar a súa identidade do mesmo xeito que o faría cun DNI físico”, dixo, engadindo que “isto lógrase ao xerar un código QR asinado e selado pola Policía que garante a autenticidade dos datos mostrados en tempo real e certifica que están actualizados e son válidos; deste xeito calquera usuario dixital poderá facer trámites tan cotiáns como votar nunhas eleccións, asinar un trámite bancario ou recoller un paquete nunha oficina de Correos”.
Blanco tamén comentou que polo de agora, co DNI no móbil, poderemos acreditar a nosa identidade de maneira presencial, pero non servirá para facelo a través de Internet, para usalo como documento de viaxe electrónica para paso de fronteiras, para acreditar a identidade noutros países ou facer xestións telemáticas de autenticación e/o sinatura electrónica. É por iso, comentou, que o Ministerio do Interior prepara unha segunda fase do proxecto para o 2026, que si permitirá a acreditación da identidade para facer xestións telemáticas, sinatura electrónica e outras operacións a través de Internet.
Como obter o DNI dixital
Para dispoñer do DNI dixital é necesario completar tres fases: un rexistro previo que vincula de maneira inequívoca a identidade do cidadán a un número de teléfono móbil que permite a descarga da aplicación MiDNI, a virtualización do DNI e a verificación do proceso.
Para realizar o rexistro é necesario que o DNI se atope en vigor e os seus certificados electrónicos, activos. Poderá facerse a través da web da aplicación MiDNI en calquera dos Postos de Actualización de Documentación (PAD) existentes en comisarías de Policía ou concellos e en calquera das 290 Unidades de Documentación da Policía Nacional.
En calquera destas vías de rexistro informarase ao cidadán do xeito de acceso á aplicación para a súa descarga. Durante o alta na mesma verifícase que o DNI está asociado a ese número de teléfono por medio de códigos dun só uso que o usuario debe de utilizar para finalizar a correcta vinculación. Só é posíbel asociar un DNI a un número de teléfono móbil.
Tralo rexistro e descarga da aplicación será posíbel virtualizar o DNI. MiDNI non garda os datos de identidade do cidadán, senón que a través dela consúltase en tempo real á unidade de xestión do DNI. No caso de que o documento estea extraviado perdido ou fose subtraído, a información non estará dispoñíbel.
Ao realizar a consulta, o titular do DNI poderá decidir que datos quere mostrar en función do uso que queira dar e do fin da verificación da identidade. Esta liberdade de mostrar os datos segundo a situación incrementa a privacidade do cidadán, xa que non é necesario mostrar todos os datos en todas as situacións.
As tres opcións dispoñíbeis son: DNI IDADE (que mostrará a fotografía, o nome e a maioría de idade), DNI SIMPLE (que reflectirá a fotografía, o nome, apelidos, o sexo e validez de DNI) e DNI COMPLETO (que mostra todos os datos do documento físico). Unha vez elixido o nivel de información solicitado, a aplicación xera un código QR que se mostra na pantalla do teléfono do titular do DNI. É un código xerado pola Policía, o que asegura que os datos son auténticos nese mesmo momento, que ficará visíbel durante un curto período de tempo para facilitar a verificación. Pasado este período, perderá a súa validez e será necesario xerar un novo código.
O código QR xerado pode ser escaneado por calquera outro dispositivo no que fose instalada a aplicación MiDNI. Ao facelo, aparecerá na pantalla do usuario verificador os datos do cidadán en función da opción elixida. Estes datos permanecerán durante un curto período de tempo para permitir a verificación e non quedarán almacenados no teléfono do verificador.