Pedro Blanco celebra en Monfero que os municipios rurais tiren proveito da alta velocidade impulsada polo Goberno
venres, 28 de marzo do 2025
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, salientou este venres 28 de marzo as potencialidades para os concellos do noso rural do Programa ÚNICO 5G Redes Activas, que achega a conectividade aos galegos e as galegas a través dos investimentos do Ministerio para a Transición Dixital e da Función Pública, dotando os concellos de menos de 10.000 habitantes de Internet de alta velocidade. Fíxoo nunha visita ao concello coruñés de Monfero, onde se reuniu co alcalde do municipio, Andrés Feal Varela, acompañado da subdelegada da Coruña, María Rivas.
Nun plano máis concreto, aproveitou para salientar o compromiso do Goberno achegando a 5G a 181 concellos do rural de Galicia, entre os que se atopa Monfero. “Neste concello estamos a falar dunha dixitalización íntegra”, sinalou o delegado referíndose ás 810 familias que se benefician do programa ÚNICO que leva a banda larga ultrarrápida ao conxunto da localidade.
Pedro Blanco destacou que o Goberno, mediante axudas coma esta, “aposta por un rural vivo e con futuro, analizando as eivas do rural galego e emendándoas. O que buscamos é que os pequenos concellos atraian poboación, e para chegar a esa meta traballamos con accións coma esta. Unhas accións que nos levan polo bo camiño e que nos fan avanzar cara unha sociedade máis xusta e adaptada ao progreso”.
Explicou que estes traballos repercuten “no benestar de miles de galegas e galegos” e fixo referencia á execución das diferentes accións repartidas en 181 concellos da Comunidade. Por provincias, A Coruña recibirá 22 millóns de euros; Lugo, 26 millóns de euros; Ourense, 24 millóns de euros para, e Pontevedra, 19 millóns de euros.
Lembrou que desde o 2021, o Goberno leva investidos 134 millóns de euros na dixitalización galega, facéndoa progresar e eliminando calquera fenda tecnolóxica no territorio.
O programa ÚNICO 5G Redes Activas é unha iniciativa pioneira en Europa. Destina fondos do Plan de Recuperación para financiar equipamentos activos e a construción de torres que amplíen a despregadura da 5G con funcionalidade plena en municipios pequenos. O obxectivo é dotar de cobertura 5G a localidades nas que non existe cobertura móbil 4G de polo menos 50 Mbps en sentido descendente, e onde non está prevista que a haxa nos próximos tres anos.
O delegado recordou tamén que o municipio de Monfero foi un dos concellos da Comarca do Eume, xunto con As Pontes, A Capela, Cabanas e Pontedeume, que se beneficiou do Plan de sustentabilidade do Ministerio de Industria, Consumo e Turismo co que se achegaron un total de 1,5 millóns de euros á comunidade. Un plan co que se melloraron e crearon novos equipamentos e servizos turísticos para dar resposta ás demandas dos usuarios e usuarias en materia de sustentabilidade, innovación tecnolóxica e accesibilidade.