Pedro Blanco inaugura a I Xornada Policial sobre a Evolución da Ciberdelincuencia en Galicia

mércores, 29 de outubro do 2025 S. P.

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, subliñou o compromiso do Goberno para seguir dotando ás Forzas e Corpos de Seguridade de medios, formación e recursos humanos fronte aos novos desafíos que supón a ciberdelincuencia. Así o informou na inauguración da I Xornada Policial sobre a Evolución da Ciberdelincuencia en Galicia, onde lembrou que “o crime, que antes buscaba unha caixa rexistradora ou unha sucursal, agora busca unha pantalla, un móbil, un clic”.
Neste marco, Blanco reivindicou o labor dos corpos policiais especializados e pediu cooperación entre institucións, empresas e sociedade civil para afrontar unha delincuencia que “xa non se move só polas rúas, senón tamén polas redes”.
Na xornada, organizada no Pazo de Mariñán polo Centro de Investigación Adolfo Suárez, o Centro Universitario de Formación da Policía Nacional e a Xefatura Superior de Policía de Galicia, tamén participou o xefe superior da Policía de Galicia, Jesús Pacheco, xunto con outros mandos da Policía Nacional e do exército, membros da carreira xudicial e fiscal, gardas civís e diferentes responsables de organismos públicos e de empresas privadas.
O delegado reivindicou o papel pioneiro da Policía Nacional, que xa no ano 1995 creou o seu primeiro grupo operativo contra a ciberdelincuencia e en 2002 puxo en marcha a Brigada de Investigación Tecnolóxica, recoñecida internacionalmente.
Lembrou que “en Galicia existen grupos de investigación tecnolóxica nas catro comisarías provinciais e nas comisarías locais máis importantes, con axentes especializados en delitos como a pornografía infantil, as estafas con criptomoedas, o ciberacoso, a sextorsión ou os ataques informáticos contra empresas e administracións”.
Pedro Blanco alertou tamén “do crecemento constante da ciberdelincuencia, que representa xa un de cada catro delitos en Galicia” e recordou que segundo os datos do Ministerio de Interior “no primeiro semestre deste ano as estafas informáticas medraron máis dun 16%, mentres que os delitos convencionais contra o patrimonio seguen descendendo”.
Amais, advertiu de que as empresas están cada vez máis expostas a estas ameazas e lembrou que preto do 20% das empresas de dez ou máis traballadores en Galicia rexistraron algún incidente de ciberseguridade. “Sen seguridade non hai confianza e sen confianza non hai investimento, nin emprego”, asegurou, recoñecendo o “valor económico da seguridade que ofrece a Policía” e o esforzo que teñen que facer moitas empresas para protexer os seus sistemas ante estas ameazas crecentes.
Pedro Blanco destacou a posta en marcha do número 017 como “unha ferramenta útil de asesoramento gratuíto ante problemas dixitais”. Trátase, segundo fixo saber, “dun servizo telefónico que vén de lanzar o Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), do Ministerio de Transformación Dixital, dispoñible para empresas e particulares, que ofrece orientación fronte a estafas, ataques e riscos na Rede”.
Este recurso complementa o traballo das forzas de seguridade que tamén levan a cabo programas como o Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos, que incorpora a ciberseguridade á formación do alumnado.
O delegado rematou a súa intervención agradecendo a organización da xornada e o traballo dos profesionais da seguridade, porque “a seguridade dixital é xa unha fronteira da democracia e protexela é garantir a liberdade, o progreso e o futuro de todos”.