Pedro Blanco presenta en Betanzos as axudas estatais para dixitalización do turismo, que veñen con 200 millóns
luns, 29 de xaneiro do 2024
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Branco, reuniuse este luns 29 de xaneiro en Betanzos coa alcaldesa María Barral para avaliar a colaboración que manteñen o Goberno central e o Concello en materia de turismo, e que se traduce en distintos proxectos de renovación urbana, restauración arquitectónica e modernización do tecido turístico local. Coa alcaldesa percorreu o Mercado de Abastos, que se está renovando coa colaboración do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable co obxecto de combinar os usos tradicionais cos turísticos. O delegado aproveitou para animar aos concellos e ao sector a beneficiárense das novas liñas de axudas do Ministerio de Industria e Turismo destinadas á dixitalización do ámbito turístico e que mobilizan entre as dúas 200 millóns de euros.
A primeira destas convocatorias vai destinada a entidades locais para a dixitalización dos destinos turísticos. Disporá de 96 millóns de euros, dos que 38 resérvanse a deputacións e 58 millóns, a concellos e mancomunidades. O delegado detallou que “esta convocatoria abrirase en datas vindeiras e que os potenciais beneficiarios xa poden coñecer as bases e as condicións que rexeran a concesión destas axudas, xa que foron publicadas no BOE a finais de decembro pasado”.
As axudas están orientadas a que as entidades públicas locais despreguen “plataformas intelixentes que contribúan á transformación dixital dos destinos e do sector turístico”, sinalou.
As plataformas e solucións dixitais permitirán a todos os axentes relacionarse co turista de maneira dixital e intelixente e mellorar a xestión do destino, atendendo tamén á necesidade de mellorar a relación entre turistas e residentes, sinalou, engadindo que “a subvención pode cubrir ata o 100% do custo total cun máximo de 6 millóns de euros”.
Xunto a esta convocatoria para administracións locais, o delegado informou dunha segunda liña de axudas destinada as empresas do sector turístico, que neste caso está xa aberta e ten de prazo ata o 13 de marzo. “Esta liña pon a disposición do sector 104 millóns de euros que teñen como obxectivo o desenvolvemento e implantación de proxectos tecnolóxicos singulares e transformadores nestas empresas”. O delegado destacou que as axudas oscilan entre os 20.000 e os 3 millóns de euros e avanzou que nesta convocatoria poderán participar “as pequenas e medianas empresas e as asociacións sen ánimo de lucro e confederacións do sector turístico”.