Pedro Blanco visita a rodaxe da serie Clanes e enxalza o talento audiovisual galego

mércores, 30 de xullo do 2025 S. P.

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, puxo en valor “o talento” do sector audiovisual galego e o seu papel “como motor cultural e económico do noso país”. Fíxoo no transcurso dunha visita, este mércores 30 de xullo, á rodaxe da serie Clanes da plataforma Netflix, producida pola firma coruñesa Vaca Films, e felicitou polo seu traballo aos integrantes deste proxecto, “capaces de achegar cada día ao audiovisual galego á excelencia”. Acudiu á rodaxe xunto á subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas.
Blanco destacou o compromiso do Goberno cun sector estratéxico para Galicia, “que xera emprego de calidade, impulsa a economía e dinamiza o territorio” e reiterou o firme apoio do Ministerio de Cultura que nos últimos anos destinou axudas por valor de 13 millóns de euros á industria galega.
Acompañado da directora de Vaca Films, Emma Lustres, e do equipo artístico e técnico, salientou “a calidade, creatividade e prestixio internacional” das producións audiovisuais galegas como Clanes, o thriller de Netflix creado por Jorge Guerricaechevarría, que se converteu na serie de fala non inglesa nº1 no mundo que demostra todo o que somos capaces de facer desde aquí”.
Durante a visita, o delegado aproveitou para felicitar ao equipo de Vaca Films polo seu traballo “que converte cada proxecto nun escaparate de Galicia” e animou á cidadanía a ver a serie “porque detrás hai talento galego e unha maneira propia de entender e facer cultura con maiúsculas”.
Vaca Films
Fundada en 2003 por Emma Lustres e Borja Pena, estableceuse como unha das produtoras máis destacadas en España en desenvolvemento e produción de películas de éxito destinadas tanto ao mercado nacional como internacional. Entre os seus grandes éxitos atópanse La Unidad (Movistar+), a estrea máis vista da plataforma, A desorde que deixas (Netflix) creada por Carlos Montero, e Hasta el cielo: la serie, continuación da longametraxe homónima dirixida por Daniel Calparsoro.