Peníscola aplicará tecnoloxía galega na substitución das antenas do seu casco vello

luns, 12 de abril do 2010 Fernando Sarasketa

A histórica localidade valenciana de Peníscola, na provincia de Castelló, contará para o seu tecido local de telecomunicacións con tecnoloxía galega. Máis polo miúdo, tratarase de equipamento da empresa compostelá Televés, mobilizada polo Concello de Peníscola para participar na substitución da totalidade das vellas antenas de televisión do seu casco antigo polo modelo Diginova da firma galega. Deste xeito, informa a compañía, amais de contribuír a un mellora importante na recepción do sinal, estaríase a minimizar o impacto visual que as inevitables infraestruturas de telecomunicación adoitan a achegarlle aos espazos urbanos de valor histórico, no caso de Peníscola un escenario declarado Conxunto Histórico-Artístico. Por estes e outros motivos (rehabilitación, posta en valor), o Concello puxo en marcha un proxecto para o reemprazamento das devanditas infraestruturas por outras novas (as Diginova de Televés) en aproximadamente 500 edificacións do casco vello.
Segundo informa a empresa galega, “trátase dunha antena de última xeración deseñada para a óptima recepción da Televisión Dixital Terrestre que se caracteriza ademais polo seu baixo impacto visual, ao ser de reducido tamaño e vir pechada nunha carcasa estanca de cor branca”. Dende o punto de vista técnico, engade a firma con sede no barrio de Conxo, Diginova é un equipamento de tipo radomizado, “composta por unha antena de UHF de tipo Yagi de 10 elementos e unha antena de BIII e FM de tipo dipolo impreso, incorporando MRD que amplifica UHF e permite o paso de DAB, BIII e FM sen amplificar. Asemade, pode operar como antena pasiva en ausencia de alimentación e inclúe unha fonte activa que aumenta a ganancia en 20 dB, permitindo regulamento de nivel.

PUBLICIDADE