Persoal investigador de atlanTTic deseña ferramentas de detección temperá do deterioro cognitivo

venres, 31 de maio do 2024 S. P.

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, vén de celebrar unha xornada sobre o potencial das máis avanzadas tecnoloxías para mellorar o día das persoas con deterioro cognitivo e neuronal. A xornada Intelixencia Artificial e detección temperá de doenzas neuropsiquiátricas en persoas maiores serviu entre outras cousas para presentar os resultados do proxecto de investigación Sapiens (Services & Applications for Healthy Ageing).
Financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, coordinado por atlanTTic e coa participación da Universidade de Santiago de Compostela, no proxecto tomaron parte 13 investigadores e investigadoras, que contaron coa colaboración de diversas asociacións e centros de maiores como AFAGA (Asociación de Familiares e Enfermos de Alzhéimer e outras Demencias de Galicia), o Centro de día Parque Castrelos, o Centro Veciñal e Cultural de Valladares e o Coro Senior da UVigo.
Na apertura da xornada participaron Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da Universidade de Vigo e Martín Llamas, director de atlanTTic e integrante do equipo de investigación do proxecto, que presentou ademais de Sapiens outras iniciativas que se están a levar a cabo no centro no ámbito da detección temperá de enfermidades, como Celia ou Visia.
Luis Anido Rifón, responsábel do proxecto Sapiens, investigador de atlanTTic e catedrático da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, xunto ao persoal investigador do proxecto, Noelia Lago, Moisés Pacheco e Iván Otero, foron os encargados de presentar os principais avances e resultados acadados.
Segundo explicaron, ao abeiro do proxecto deseñáronse varias ferramentas tecnolóxicas adestradas con Intelixencia Artificial (IA) e técnicas de aprendizaxe máquina (Machine Learning), DigiMoca e DigiYesavage, asistentes conversacionais intelixentes tipo Alexa, cos que se realizaron estudos e cribados con persoas maiores e tests de validación da súa usabilidade cos propios usuarios. “Nestas probas medíronse aspectos como a atención, a velocidade de resposta ou a memoria da persoa que interactúa coa ferramenta”, sinalaron.
No acto de presentación dos resultados do proxecto, o equipo de Sapiens destacou a importancia da detección temperá de enfermidades neurodexenerativas como alzhéimer e párkinson ou outros trastornos como a depresión, para unha maior rapidez na intervención da enfermidade, así como unha eficacia do tratamento, que repercute enormemente na calidade de vida das e dos pacientes e reduce o impacto destas doenzas.
A xornada incluíu unha mesa redonda na que participaron Iván Rarís, xerente do Clúster de Saúde de Galicia; Roberto González Novas, responsable de Innovación de DomusVi; César Bugallo, presidente de FAGAL (Federación Alzhéimer Galicia); Carlos Spuch, neurocientífico do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur e que moderou Martín Llamas. Os participantes na mesa abordaron os principais retos do uso da tecnoloxía e da detección temperá do deterioro cognitivo en persoas maiores, desde diferentes perspectivas, ademais da investigación, como a do ámbito clínico, a das persoas usuarias e das familias, ou a das entidades que ofrecen servizos tanto en residencias como domiciliarios.