Pesar na comunidade da UVigo polo falecemento do catedrático José Juan Pazos Arias

mércores, 20 de decembro do 2023 S. P.

A comunidade universitaria da UVigo recibiu este martes 19 de decembro a triste nova do falecemento do catedrático do Departamento de Enxeñaría Telemática e adxunto ao reitor para a Transformación Dixital, José Juan Pazos Arias (Baiona, 1964-2023), ao non poder superar unha doenza que o mantiña afastado das aulas e dos seus labores como xestor desde hai uns meses.
Enxeñeiro de Telecomunicación (1987) pola Universidade Politécnica de Madrid (UPM) e doutor enxeñeiro de Telecomunicación (1995) polo Departamento de Enxeñería de Sistemas Telemáticos da UPM, en novembro de 1988 incorporábase como profesor asociado a tempo completo á Escola Superior de Enxeñeiros de Telecomunicación da Universidade de Santiago de Compostela, naquel momento única universidade de Galicia. Coa creación en xaneiro de 1990 da UVigo, o docente e investigador participou activamente na xénese e consolidación da EE de Telecomunicación, encargándose da posta en marcha de varias materias e laboratorios da especialidade de Telemática, unha das dúas que ofertaba o plan de estudos vixente daquela.
Investigador do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, e académico numerario da Real Academia Galega de Ciencias desde 2016, Pazos Arias participou en numerosos proxectos de investigación de ámbito nacional e internacional, así como no desenvolvemento de novos servizos e aplicacións para a Sociedade da Información. Foi autor duns 200 artigos en revistas, capítulos de libros e congresos de ámbito internacional. Director de oito teses de doutoramento e de máis de trinta proxectos de fin de carreira.
Nos últimos anos, a súa actividade de investigación orientouse cara ao desenvolvemento de tecnoloxías transversais, de aplicación en calquera ámbito e tamén para calquera formato no que se atope a información. Neste eido, conseguiu resultados relevantes nas áreas de personalización, adaptación e recomendación de contidos, baseado en tecnoloxías semánticas.
No relativo á xestión, ocupou cargos como director de Departamento de Enxeñaría Telemática ou director da Área de Novas Tecnoloxías da Universidade de Vigo.