Pesar polo adeus de Mario Tascón

venres, 29 de setembro do 2023 Marcus Fernández

Esta mañá espertamos coa lutuosa nova do pasamento de Mario Tascón, un xornalista considerado pioneiro na creación de páxinas web de medios de comunicación en España, sendo o responsable da creación de elmundo.es e pasando logo a traballar para El País para tentar emular o seu logro.
Tascón foi todo un referente do sector en España, con grande participación en eventos en Galicia, como o Congreso Iberoamericano de Xornalismo Dixital, sesións organizadas polo Consello da Cultura de Galicia, o evento de redes sociais InLugo e, de xeito moi salientable, os encontros #NeThinking que converteron a Illa de San Simón na Illa do Pensamento.
O xornalista ponferradino finou esta madrugada en Bos Aires, onde se atopaba para impartir unha serie de conferencias, ao non ser quen de superar un accidente cerebrovascular. Os medios de comunicación e xornalistas que coincidiron algunha vez con esta figura do xornalismo dixital español están a amosar masivamente o seu pesar pola perda dun profesional tan relevante cando só tiña 60 anos de idade.

PUBLICIDADE