Philips comercializa un monitor de 55" optimizado para a Xbox Series X

martes, 22 de xuño do 2021 Marcus Fernández

En agosto chegará ao mercado español o monitor Philips Momentum 559M1RYV, que presume de ser o primeiro monitor do mundo deseñado para Xbox, xa que este monitor gaming cun panel 4K de 55 polgadas conta con HDMI 2.1 para poder recibir do mellor xeito posible o sinal da consola de Microsoft e pode reproducir contidos até a 120 Hz, conseguindo así xogos ultra nítidos.
Este monitor para Xbox Series X diferénciase de televisores semellantes en que o seu deseño está orientada a conseguir unha baixa latencia como prioridade, para que o xogos vaian o máis fluído posible e, para que a experiencia sexa aínda máis completa, o novo monitor inclúe unha barra de son Bowers & Wilkins de 40 watts. A pantalla ten certificación DisplayHDR 1000, incluíndo modos de HDR orientados a distintos tipos de contido (xogo, película e fotografía); a tecnoloxía Ambiglow tamén axuda a que a experiencia envolva máis ao xogador grazas á iluminación ambiental que provoca; e a pantalla admite frecuencia de actualización variable (VRR) que en Xbox Series X permite un movemento máis fluído, mentres que os xogadores de PC tamén verán con bos ollos esta pantalla, que no seu caso pode funcionar até a 144 Hz en 4K.
O novo monitor da marca Philips chegará ás tendas españolas a un prezo de 1.399 euros.

Este enorme monitor inclúe unha barra de son para conseguir unha experiencia óptima

PUBLICIDADE