Philips incorpora un sensor de movemento á súa solución de iluminación conectada

luns, 29 de agosto do 2016 Marcus Fernández

Dende hai tempo Philips está a conformar unha completa gama de produtos domóticos orientados á iluminación do fogar, a liña Hue, que conta tanto con lámpadas que poden regularse en intensidade, como outras que incluso permiten crear distintos ambientes mudando tamén de cor, e que precisan para funcionar un dispositivo de tipo ponte que facilita a comunicación das lámpadas, o que logo permite que a iluminación poida manexarse mediante aplicacións móbiles, páxina web e diferentes interruptores aos que agora súmase un accesorio moi atractivo: un sensor de movemento.
Co novo Philips Hue Motion Sensor poderanse detectar cando hai movemento nunha habitación para acender nese momento a iluminación, sendo moi sinxela a súa instalación, xa que o trebello funciona con baterías, ou sexa, que funciona sen fíos, polo que podemos colocalo no lugar que desexemos, facilitando así que teñamos luz no recibidor, no corredor ou no garaxe sempre que entremos alí, sen ter que andar pendente de interruptores, apagándose a luz cando non se detecte movemento.
O sistema tamén pode axustarse para que empregue distintas intensidades de iluminación en función da hora (para que pola noite poida acenderse a luz do corredor a un nivel suficiente como para permitir ver, pero que non esperte a toda a familia porque se erguese un integrante da mesma) e incluso conta con sensor de luz diurna, para que a luz só se prenda cando é preciso.
Este novo trebello mide 5,5 x 5,5 x 2 centímetros, funciona con 2 baterías alcalinas AAA (incluídas), ten resistencia IP42 e pode instalarse nunha parece ou, simplemente, deixalo de pé nalgún estante ou mesa da estancia na que queiramos empregalo.

PUBLICIDADE