Phottic presenta as súas últimas publicacións na Feira do Libro da Coruña

xoves, 3 de agosto do 2017 Redacción

A Feira do Libro da Coruña vai ter vertente dixital. Máis en detalle, a vertente dixital achegada pola plataforma en liña Phottic, o proxecto de memoria dixital nacido de Abertal Networks (hoxe en día operando como start-up). Na cita no encontro editorial coruñés, contarase coa presenza dos autores de dous libros impulsados por Phottic e polo xerente de Abertal, Manuel Pan, que fará un percorrido polas orixes da plataforma, polos seus fitos recentes (xa superou as 15.000 fotografías da nosa terra dixitalizadas e acubilladas) e polo seu alto nivel de convocatoria (colaboran nesta iniciativa, achegando pegadas visuais e textuais do noso pasado, unha manchea de persoas e entidades, dende veciños e asociacións até empresas e concellos). A cita na Coruña será mañá ás 19 horas. Nela, os autores Xan Fraga e Hector Pose presentarán os seus libros De Arsenio a Arsenio e Mar de invernía.
Da primeira das obras falamos recentemente en Código Cero, salientando o seu potencial para coñecermos a fondo o período do club coruñés marcado pola fichaxe do ex xogador e ex adestrador Arsenio Iglesias, a quen o libro rende unha “humilde homenaxe” por ser Arsenio unha figura transcendental do deportivismo. O libro, destacabamos con motivo da súa presentación, constitúe ante todo unha análise pormenorizada da historia do equipo durante o devandito período e tanto pode atoparse para a súa compra nas librarías coruñesas como na tenda en liña de Phottic.

PUBLICIDADE