Pint of Science encherá de divulgación unha manchea de establecementos das nosas cidades
venres, 15 de maio do 2026
As universidades galegas e diferentes centros e entidades de divulgación e investigación prepararon un completo programa de actividades para conmemorar na nosa terra a nova edición de Pint of Science, o festival internacional de divulgación científica que leva a investigación aos bares co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía nun ambiente distendido e próximo. Celebrarase entre os días 18 e 20 de maio.
A UDC: dende A Coruña para a provincia
No caso da Universidade da Coruña (UDC), durante tres xornadas, persoal investigador do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA), do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil (CITEEC), do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), do CSIC, do SERGAS e doutras entidades ofrecerán pequenas charlas divulgativas en distintos locais da cidade.
As sesións celebraranse no Bar Frei Caneca (Rúa Almirante Cadarso, 4) e no Bar Árnica (Rúa Ferrerías, 2), en horario de tarde e abordarán cuestións de grande actualidade relacionadas coa saúde, a tecnoloxía, o medio ambiente, a intelixencia artificial, a biomedicina ou a exploración espacial, entre outras temáticas.
No Bar Frei Caneca, as intervencións comezarán ás 19:00 horas. Entre os temas que se tratarán figuran a tecnoloxía para a inclusión social, os mecanismos do sistema inmune fronte ao cancro, a ciberseguridade baseada en intelixencia artificial, os materiais sostibles obtidos a partir da roupa usada ou o uso do GPS para coñecer a nosa posición no planeta.
Pola súa banda, o Bar Árnica acollerá, desde as 20:00 horas, relatorios centrados na dieta mediterránea aplicada á diálise, a refrixeración sostible, a antropoloxía do tatuaxe na era dixital, a revolución das terapias CAR-T, a biodiversidade mariña, a reparación do formigón mediante bacterias ou a información climática que achega o pole.
A participación do persoal investigador da UDC neste evento non se limita á cidade da Coruña. Outras localizacións como Ferrol, Carballo, Arteixo e Brión tamén contarán con relatorios impartidos por talento da Universidade.
No caso de Ferrol, a primeira das conferencias será o 18 de maio ás 19:00 horas en Cuerda Floja (Espartero, 1) e nela pedro Manuel Fernández, do Grupo Integrado en Enxeñaría falará sobre a enerxía eólica e o control dos incendios a través das matemáticas aplicadas. O martes 19, no Monique Coffee (Taxonera, 1) o investigador Ramón y Cajal Alejandro Blanco ofrecerá unha viaxe desde o pasado dos crocodilos aos videoxogos e as matemáticas; e o mércores 20, as investigadoras Lorena Acea e Lucia Santiago abordarán no Kiwi (Rúa Magdalena, 125), os labirintos da mente, a álxebra e o mar.
No Pint of Science de Carballo será o mércores día 20 ás 19:30 horas cando haxa unha conferencia sobre o autismo de man da docente Isabel García García. No Bar Latitud de Arteixo (R. das flores, 4) o martes 19 de 18:30 a 20:30 horas, a profesora Cristina Naya reflexionará sobre como entendemos as matemáticas a través de materiais manipulativos e a investigadora do CITEEC e Amal Nnechchi falará sobre o proxecto de recuperación do río Monelos. Xa o mércores 20 será a investigadora do CICA Elena Pazos quen participará no Bar La Ventana ás 18:30 horas para falar sobre os péptidos.
Por último, a investigadora do CICA Mª del Carmen Veiga Barbazán impartirá o luns 18 ás 18:00 horas no Novo Faro de Brión (Inxerido, 1), unha charla sobre como diferentes tecnoloxías permiten transformar residuos en bioplásticos e outros compostos de valor.
En Santiago
O festival Pint of Science volta o 18 de maio a Santiago con palestras que achegarán a ciencia máis punteira ao grande público en bares de Compostela. O festival celebrarase o día 18 no Café Bar Alborada de Veiga e os días 19 e 20 na Sala Riquela, a partir das 18:00 horas, cun total de 12 palestras científicas que cubrirán temáticas desde a física ata á xestión cultural, pasando pola bioloxía molecular e a socioloxía.
Entre as persoas investigadoras que participan nesta edición de Pint of Science Compostela atópanse Anxo Méndez, que axudará aos presentes a descubrir como a luz se converte en algo máis que arte; Julio Esparís reflexionará sobre as políticas culturais municipais de Galicia; María Teresa Carrillo e Alejandro Quiroz presentarán os neuromitos da dor, e Noel Suárez explicará a transformación de moléculas a medicinas.
Un dos obxectivos da organización en Compostela é facilitar o diálogo directo entre o persoal investigador e a sociedade. Desde a coordinación do evento, a cargo de Alejandra García, Manuel Antonio González e Emi Vázquez Lage, salientan que esta iniciativa procura romper coas barreiras no acceso ao coñecemento científico, achegando as persoas que o xeran ao conxunto da cidadanía. Ademais, levar a ciencia a ambientes próximos e accesibles como os bares favorece o intercambio de ideas e a aprendizaxe colectiva.
Pint of Science Compostela realizará o luns un espectáculo de maxia cuántica no Café Bar Alborada de Veiga, e a gravación dun pódcast na sesión do mércores na Sala Riquela.
En Ourense (UVigo)
No caso da Universidade de Vigo, a cidade de Ourense súmase un ano máis á celebración do 18 ao 20 de maio dunha nova edición do festival divulgativo Pint of Science, que contará con arredor de 1.300 charlas e eventos en 114 cidades e municipios de toda España. O Café&Pop Torgal acollerá os tres días de programación conferencias divulgativas, abertas ao público xeral interesado, de seis investigadoras e investigadores do campus de Ourense e diferentes disciplinas.
Alén dos patrocinadores xerais da Pint of Science en España, no caso de Ourense tamén colaboran coa iniciativa a Vicerreitoría do campus, as facultades de Ciencias e Historia e a Área de Normalización Lingüística. O día 18, ás 18.00 horas, terá lugar a primeira sesión, que co título Ciencia para un futuro sostible: da terra á mesa achegarase “aos retos ambientais e de saúde que definen o noso tempo” e a como “a ciencia busca solucións innovadoras dende a base”. Nuno Muñoz, investigador do grupo BiotecnIA (Biotecnoloxía Industrial e Enxeñería Ambiental) abordará o potencial dos insectos comestibles como alternativa sostible ás proteínas tradicionais.
Seguiralle Sabela Pérez, do Grupo de Estudos en Traballo Social: Investigación e Transferencia, cunha charla sobre os mitos misóxinos na manosfera dixital. Na súa intervención analizará o impacto deste fenómeno, sobre todo en redes sociais e xurdido como reacción ao feminismo, e desentrañará algúns dos mitos e loias que difunde. Será, indica a investigadora, “unha oportunidade para entender como se constrúen estes discursos e aprender a detectalos cunha ollada crítica”.
O día 19, no mesmo lugar e á mesma hora, celebrarase a segunda sesión de Pint of Science Ourense co título Retos do século XXI: resistencia ambiental e innovación docente. “Desde o estudo de solucións ambientais e da saúde no noso solo ata a transformación do modelo educativo na era dixital, estas charlas exploran como a investigación de vangarda impulsa un futuro máis sostible e mellor conectado”, comentan desde a organización. Vanesa Santás, do grupo de investigación BV1 Pranta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos, falará do solo e a resistencia aos antibióticos.
Pola súa banda, a Manuela Raposo, do grupo de investigación Cooperación en Investigación para a Equidade Educativa e Social, ofrecerá a charla Titorizar a Formación Dual na era dixital. Na charla analizará as condicións e como se titorizan estas prácticas, as ferramentas como os ePortafolios, as eRúbricas ou as videoanotacións para mellorar o seguimento, a comunicación e a avaliación; que riscos e oportunidades xorden ante o impacto da intelixencia artificial e se estamos preparados para asumir os novos retos neste eido.
A terceira e última sesión será o día 20, tamén ás 18.00 h no Café&Pop Torgal, e leva por título Alimentando o futuro: do mar á tradición. Nela explorarase “o potencial transformador de dous piares fundamentais da nosa contorna: o mar e as raíces culturais”. Adela Alvaredo, do grupo Bio2Val Biorefinería e Valorización da Biomasa, ofrecerá a conferencia Algas: da area ao prato.
Por último, María García, do grupo AA1 Investigacións Agrarias e Alimentarias, falará sobre o valor dos alimentos tradicionais. “Son moito máis que receitas: son cultura, saúde e sostibilidade. Nesta charla descubriremos por que o seu consumo se asocia a dietas máis equilibradas e como a súa produción local contribúe a reducir o impacto ambiental. Recuperalos non só protexe a biodiversidade, senón que tamén apoia as economías rurais e conéctanos co noso pasado”, afirma.
En Vigo
Pint of Science Vigo celebrarase no Bar El Castro e no Café De Catro a Catro, cun total de 14 charlas científicas que cubrirán un amplo abanico de temáticas, desde a tecnoloxía, a biomedicina e a química ata o estudio do planeta e a lingüística.
Entre as persoas investigadoras e científicas que participan nesta edición de Pint of Science Vigo, destacan nomes como María Mayán, quen abordará os avances máis recentes na investigación do cancro, os baleiros de coñecemento que aínda persisten e os grandes retos pendentes para lograr curalo ou convertelo nunha enfermidade crónica; Antonio Figueras, que descubrirá o sorprendente “superpoder” do mexillón para sobrevivir a condicións extremas e as leccións que pode aportar tanto á ciencia como á sociedade; e Saida Ortolano, cunha charla que porá o foco nas enfermidades raras, os seus avances e desafíos, e en como o seu estudio resulta clave para entender mellor procesos fundamentais do organismo e de enfermidades moito máis frecuentes.
Un dos obxectivos da organización en Vigo é establecer o diálogo directo entre os investigadores e investigadoras e a sociedade. Reyes Riveiro, responsable de comunicación do equipo de Vigo, subliña que “a miúdo asociamos a ciencia con algo complexo ou afastado, cando en realidade o problema moitas veces está en como se conta. En Pint of Science rompemos con esa idea levando a ciencia aos bares e comunicándoa nunha linguaxe clara, próxima e sen barreiras. Ese ambiente distendido invita a participar, a preguntar sen medo e a descubrir que incluso as ideas máis complexas poden entenderse e gozarse de forma sinxela”.
Unha cita internacional e simultánea coa ciencia en todo o mundo
Pint of Science é unha iniciativa internacional que se celebra simultaneamente en preto de 500 cidades e 27 países de todo o mundo e que busca crear espazos de encontro entre a comunidade científica e a sociedade, promovendo a cultura científica e o pensamento crítico a través dun formato próximo e participativo.
Naceu no ano 2012 da man dos científicos Praveen Paul e Michael Motskin, investigadores do Imperial College de Londres (Reino Unido), quen organizaron un encontro chamado Coñece aos Investigadores, con persoas afectadas por Parkinson, Alzheimer, esclerose lateral amiotrófica e esclerose múltiple para que puidesen visitar os seus laboratorios e mostrarlles as súas investigacións. Este inspirador encontro serviulles para proporse a idea de achegar aos científicos á xente, e xa en maio de 2013 celebraron o primeiro Pint of Science en tres cidades do Reino Unido. O festival estendeuse rapidamente por todo o mundo, ata chegas ás cifras actuais.
