Pintos & Salgado advirte de que a IA e as redes sociais están a disparar as ciberestafas amorosas
martes, 27 de maio do 2025
Botar luz sobre as ciberestafas levadas a cabo empregando ganchos de amizade e amor é o cometido do máis recente informe do bufete galego Pintos & Salgado, que vén de compartir as conclusións do mesmo co obxectivo de aprendernos a identificar estas prácticas de romance scam e a protexernos delas. Segundo explican, “aínda que existen desde o nacemento da Internet, as denominadas como estafas do amor estanse a profesionalizar coas facilidades que proporcionan as redes sociais ou a Intelixencia Artificial (IA)”. Así nolo conta Noelia Montero, avogada especialista en protección de datos de Pintos & Salgado.
Contexto
É un dos ciberdelitos con maior singularidade: o seu impacto nas vítimas non é só económico, senón tamén emocional. As denominadas como romance scam ou estafas do amor convertéronse nunha das prácticas que máis se profesionalizaron da man da tecnoloxía dixital, coas redes sociais e a xeración de contidos falsos que permite a IA, e, segundo advirte Noelia Montero, “estamos a falar dun tipo de delito dixital que se constrúe a longo prazo; primeiro xérase un vínculo para gañarse a confianza e despois, aproveitando o factor emocional, o estafador empeza a pedir diñeiro á vítima”. Para Montero, as estafas do amor, que xorden normalmente a través de interaccións en redes sociais ou aplicacións de citas beneficiándose de perfís falsos, parten dunha “profesionalización cada vez maior, con organizacións ou ciberdelincuentes que utilizan técnicas complexas no tecnolóxico e moi realistas no psicolóxico”.
E fano cun obxectivo claro: conseguir que a vítima leve a conversación fóra da plataforma dixital, logrando que a actividade sexa desenvolvida sen a supervisión e protección da aplicación.
De facto, trátase dun acto delituoso baseado no que desde Pintos & Salgado conceptualizan como “enxeñería emocional”, un conxunto de técnicas que empregan dinámicas semellantes ás das seitas para convencer totalmente ás persoas de que, no caso das romance scam, están a manter unha relación amorosa real e sólida.
Montero explica que as propias estruturas de ciberestafadores, en ocasións organizados baixo mafias, “rastrexan perfís vulnerables, con pouco manexo das redes sociais, apenas coñecemento en tecnoloxía dixital e cunha situación delicada no persoal”. Así incrementan, polo tanto, as posibilidades de enganar emocionalmente.
Como se detecta unha estafa do amor?
Aínda que se amparen en perfís virtuais falsos, Noelia Montero secuencia as pistas que axudan a discernir se se trata dunha romance scam. “Debemos fixarnos primeiro nas súas reticencias á hora de manter un encontro en persoa ou mesmo facer videochamadas; o ciberestafador sempre pon escusas de maneira reiterada no tempo, ou promete encontros futuros que nunca chegan a suceder”, remarca a avogada especialista.
“Iso si, estes comportamentos teñen as súas consecuencias na vítima: xérase un sentimento de culpabilidade e pode chegar a desatender as súas propias necesidades”, continúa Montero, engadindo que “tamén é moi común que o estafador empece solicitando cantidades de diñeiro baixas, e aos poucos aumente o seu volume, pero só cando haxa unha relación xa forxada, nunca ao comezo”.
Ademais, o ciberestafador artella unha historia persoal falsa baseada en problemas médicos seus ou de familiares, ou algún outro problema de superación que tente xerar empatía na vítima, e cando se lanza a pedir o ingreso monetario, resulta “moi específico no método para facer a transferencia”, detallándoo paso a paso.
Existen de igual maneira catro grandes pautas que contribúen a identificar os perfís falsos: presentan moi poucas fotografías no seu perfil; non contan con apenas amigos, seguidores e actividade semanal dentro da rede social; non viven nin traballan preto das vítimas, incorporando escusas que xustifiquen esa distancia (desde viaxar moito por causas laborais a atoparse no estranxeiro) e, finalmente, presentan imaxes de perfil excesivamente atractivas, con instantáneas de modelos ou actores.
“É importante entender que unha estafa así xera unha consecuencia dobre, coa perda do diñeiro desde o punto de vista material, pero tamén coa dor emocional de sentirse enganado. Para a vítima a perda é grande, porque se pensaba que o vínculo era totalmente real”, lembra Montero, sinalando que “o primeiro paso oriéntase ao acompañamento e apoio cara á persoa afectada, mantendo a calma e evitando revictimizarla; despois, é esencial cortar totalmente o contacto co usuario en canto se detecta a ciberestafa, ademais de recompilar todas as probas existentes do suceso”. Logo debemos denunciar os feitos e informar á entidade bancaria para minimizar o dano económico.