Pintos & Salgado alerta do incremento dos roubos de datos en móbiles: o bluesnarfing
xoves, 3 de outubro do 2024
O bufete galego Pintos & Salgado, especializado en dereito tecnolóxico, vén de alertar dun importante incremente das tentativas de bluesnarfing, unha práctica de hackeo da que tamén advirten a Policía Nacional e máis a Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) e que consiste en roubar datos persoais dos nosos dispositivos móbiles.
En palabras de Noelia Montero, avogada especialista en protección de datos do bufete coruñés, é crucial ante este tipo de ameazas que velemos por unha boa xestión dos axustes dos nosos dispositivos, xa que “os hackers tenden a aproveitarse do hábito cada vez máis común de moitos usuarios de manter sempre activo o Bluetooth”.
Con isto, engade a avogada, “logran extraer a través desta función activada contidos sensíbeis ou datos persoais: contrasinais, datos bancarios ou calquera outro dato que lles permita suplantar a identidade do suxeito”.
O propio concepto alude ao modus operandi dos ciberdelincuentes: é a unión de Bluetooth e snarf, que alude a “coller algo sen permiso” na súa definición inglesa.
Noelia Montero engade que “débense cumprir dúas condicións para que un hacker poida utilizar a técnica do bluesnarfing; a primeira é que o Bluetooth estea habilitado, e a segunda é que o usuario se localice a menos de 15 metros”. Utilizando un software específico, os ciberdelincuentes son quen de emparellarse ao noso terminal móbil sen que nos decatemos e sen pedir unha autorización expresa para acceder á nosa información”.
En última instancia, toda tecnoloxía que permita o intercambio de arquivos vía Bluetooth, incluídas as tableta e computadores portátiles, pode verse afectada polo bluesnarfing.
Da man da divulgación do concepto, tamén desde o despacho de avogados quixeron proporcionar unha batería de consellos que calquera usuario pode aplicar no seu día a día. “Protexernos desta ciberestafa vaise fundamentar sempre nun principio básico que debe converterse aos poucos nun hábito da nosa vida dixital: desconectar o Bluetooth sempre que deixemos de utilizalo”, salienta Noelia Montero.
Tamén recomenda “evitar compartir arquivos a través de Bluetooth en redes Wi-Fi públicas, ao ser espazos onde se aglutinan bastantes dispositivos, e actualizar decote o sistema operativo dos nosos terminais, para garantir melloras nos parches de seguridade e a corrección de certas vulnerabilidades”.
Por último, “é fundamental que nos afagamos a cambiar os nosos códigos PIN e contrasinais con periodicidade, unha acción que nos serve en realidade non só para protexernos do bluesnarfing, senón para gañar en ciberseguridade dentro da nosa cotiandade dixital”, conclúe a avogada especialista en protección de datos.
Combater a preguiza e tomar consciencia do que facemos na nosa contorna dixital volven ser os puntos clave para navegar mellor e con máis seguridade, sobre todo cando están en xogo contidos sensíbel e o gran volume de información persoal que gardamos nos nosos teléfonos móbiles, sinala.