Pintos&Salgado analiza a última polémica dixital relacionada coa Liga: o cardsharing
martes, 2 de abril do 2024
O bufete galego Pintos&Salgado, especializado en dereito e tecnoloxías, vén de analizar a fondo a polémica relacionada coa piratería dixital que afecta á Liga de Fútbol, e que se disparou cando Javier Tebas, presidente da entidade deportiva, fixo unhas declaracións a través da rede social X a mediados de marzo aproveitando o auto número 8 do Xulgado do Mercantil de Barcelona.
Nestas declaracións convidaba a solicitar os datos de quen retransmita partidos en sitios web ilegais como de quen os consuma. Tebas xerou con esta proposta certa preocupación entre os usuarios dos portais “pirata” e deste tipo de contidos. Para o bufete galego, estas declaracións abren a veda a unha pregunta: poderían multalos por realizar ese consumo en sitios web con distribución ilegal de retransmisións deportivas?
Carla Cendán, avogada de Pintos, sinala que esta falta de control “está marcada polo cardsharing”, a acción na que un usuario lexítimo decide difundir un sinal para que outras persoas poidan decodificala e ver ou contido de forma ‘non autorizada’. E explica: “Houbo un problema de desinformación en xeral, primeiro en redes sociais, pero logo amplificado polos medios de comunicación. Tebas, durante semanas, xustificou que se podía perseguir non só aos cardsharers, os que distribúen o sinal obtendo un lucro económico, senón tamén a todos os consumidores”, expón Cendán. E continúa: “Desde La liga querían aproveitar a situación de incerteza para desincentivar o consumo ilegal, pero a través do medo; que os consumidores non soubesen de verdade se podían multalos e acceder aos seus datos persoais”.
Carla responde deste xeito á pregunta de onde están os límites á hora de solicitar a información dos usuarios que pirateen sinais de retransmisión de partidos de fútbol: “O auto déixao claro, non poden obter ou DNI nin datos postais que vaian máis aló do que figure na instalación da liña e a facturación. O que se precisa é identificar a dirección IP e aglutinar outros datos informáticos, pero nada máis. Iso é de abondo para sinalar quen está a compartir o sinal”, responde a avogada de Pintos
Carla lembra que para poñer fin á polémica, o propio Consello Xeral do Poder Xudicial emitiu en marzo un comunicado que desmente as declaracións de Javier Tebas e aclara con rotundidade que só se facilitarán os datos de “quen comparte ilicitamente os contidos audiovisuais, é dicir, unicamente dos cardsharers que difunden a terceiros o sinal e obteñen un lucro con iso e non, por tanto, dos que unicamente defraudan a cota”.
Datos en situación de vulnerabilidade
Desde Pintos resaltan a relevancia de que o cidadán medio sexa consciente do que implica o consumo de produtos audiovisuais en sitios web ilegais. “É certo que a efectos económicos, non pode haber unha multa ao propio consumidor, pero existen outros factores que nos prexudican como usuarios con esta tipoloxía de piratería dixital”, expón Carla Cendán, sinalando que entre estes factores hai que ter en conta “que nestas páxinas poñemos moitos dos nosos datos persoais en situación de vulnerabilidade, e arriscámonos a que malversen o noso computador a través da web ilegal, subtraendo a información para vendela despois”. Así que, aínda que o delito en si mesmo estea constrinxido ao cardsharer, as consecuencias “van moito máis alá. Debemos exercer un consumo consciente e saber que estes portais de piratería dixital non actúan como unha ferramenta de visualización nin legal nin segura”, segundo Pintos.