Pintos & Salgado avoga por deixar clara a fronteira entre creación musical e artificial
xoves, 30 de outubro do 2025
O bufete galego Pintos & Salgado, a través do seu co-fundador Víctor Salgado, vén de compartir un novo informe de seu sobre os retos actuais da creación musical do noso tempo, retos que conflúen en boa medida no seguinte: o difícil que é distinguir hoxe en día entre a música creada por Intelixencia Artificial e a humana. Para o bufete, cómpre mobilizar recursos que nos axuden a evitar que se dilúa a fronteira entre creación artística e creación IA, esta última ao alcance da comunidade internauta a través de ferramentas como Suno ou Udio, que permiten xerar en cuestión de segundos temas musicais que non só imitan xéneros e estilos, senón que chegan a ser percibidos polos oíntes como obras humanas.
O bufete galego sinala que un recente estudo da Universidade Federal de Minas Gerais, titulado Echoes of Humanity: Exploring the Perceived Humanness of AI Music (Figueiredo, Martinelli, #Sousa, Rodrigues, Pedrosa, Ferreira; 2025, arXiv:2509.25601), demostrou de forma empírica esta situación: en probas a cegas, unha porcentaxe moi elevada de participantes non foi capaz de distinguir entre cancións compostas por artistas humanos e aquelas xeradas por IA.
O achado, lembra Víctor Salgado, “supón un punto de inflexión para a industria cultural, que ve como se dilúe a fronteira entre creación artística e creación artificial”.
Engade que ante esta situación podemos facernos unha pregunta non tanto tecnolóxica senón máis ben legal, ética e cultural: que pasa cando os consumidores non saben se o que escoitan provén dunha persoa ou dun algoritmo?
O marco normativo europeo: transparencia obrigatoria a partir de 2026
A Unión Europea adiantouse a este escenario co Regulamento de Intelixencia Artificial, aprobado en 2024 e cuxa aplicación será obrigatoria a partir de agosto de 2026. O seu artigo 50 é claro: os sistemas de IA que xeren contido sintético —xa sexa audio, imaxe, vídeo ou texto— deberán garantir que ese contido estea marcado nun formato lexible e detectable por calquera usuario.
“Este artigo introduce por primeira vez un mandato claro: a música creada por IA debe estar identificada como tal, con solucións técnicas robustas e transparentes. É a única forma de protexer aos consumidores, pero tamén de salvagardar o valor da creación humana”, explica Víctor Salgado, advertindo que esta transparencia será a clave para non caer en prácticas que poidan chegar a cualificarse de enganosas: “Non abonda con que a IA incorpore un marcado invisible no arquivo. Os servizos de streaming, as plataformas de distribución e as redes sociais deberán ser proactivas á hora de informar e etiquetar adecuadamente. Pola contra, poderiamos falar de publicidade enganosa ou mesmo de competencia desleal fronte aos creadores humanos”.
Entre a innovación e a confusión cultural
A música non é un produto calquera: é un vehículo cultural, identitario e emocional. En palabras de Salgado, “a creación artística forma parte da nosa identidade colectiva. Se a sociedade acepta consumir música artificial sen sabelo, corremos o risco de desdibuxar a fronteira entre o humano e o artificial nun terreo tan esencial como a cultura”. O debate, por tanto, vai máis aló da mera protección de dereitos de autor, sinala, explicando que do que se trata é de preservar a confianza dos oíntes e de garantir que a tecnoloxía sexa utilizada como ferramenta de apoio creativo, non como mecanismo de substitución silenciosa.
O papel de Europa e a responsabilidade compartida
Desde Pintos & Salgado insisten en que a regulación non é só un imperativo legal, senón tamén unha oportunidade para que Europa lidere un debate global. A UE, coa súa normativa pioneira, pode marcar o estándar internacional en materia de transparencia e uso responsable da IA na cultura. “Debemos esixir que as plataformas tecnolóxicas actúen con ética e legalidade, que
etiqueten e que non banalicen o valor da creación humana. E, ao mesmo tempo, debemos abrir o camiño a unha alfabetización dixital dos usuarios: ensinarlles a convivir coa IA, recoñecendo as súas vantaxes, pero sen perder de vista que significa realmente a creatividade humana”, conclúe Salgado.
