Pintos & Salgado informa da inminente desaparición da contratación telefónica de luz e gas

luns, 23 de setembro do 2024 S. P.

O despacho de avogados da Coruña especializado en dereito dixital, Pintos & Salgado, a través da avogada especialistas en protección de datos Carla Cendán, compartiu co inicio da semana unha nova publicación relativa á contratación de produtos das teleoperadoras e os cambios que vai experimentar a cuarto e medio prazo. En concreto, o bufete coruñés analiza a proposta de Regulamento Xeral de Subministración e Contratación do Gobierno de España, unha ferramenta xurídica que ten como obxectivo prohibir contratar luz e gas por teléfono, en proceso de remisión ao Congreso dos Deputados para someterse a aprobación. A respecto desta iniciativa, Pintos & Salgado indica que significará “o adeus inminente para a contratación telefónica de luz e gas”.
A avogada lembra que se trata dunha escena cotiá: “Recibimos unha chamada telefónica dun número descoñecido, collémolo e un comercial tenta vendernos unha nova tarifa de luz ou de gas, sen ningunha petición expresa previa pola nosa banda; trátase dunha acción que se busca combater co devandito regulamento se finalmente se aproba e que prohibirá que calquera comercializador realice prácticas de publicidade ou de contratación a través de chamadas telefónicas se o usuario non o solicitou”, sinala a avogada, engadindo que “de maneira constante, as empresas buscaron trucos para sortear a Lei Xeral de Telecomunicacións, que estipulaba a prohibición de recibir chamadas con fins de comunicación comercial, pero segundo as teleoperadoras non aludía de forma expresa á contratación de subministracións”. Con esa xustificación, explica Cendán, “continuaban ofrecendo servizos de comercialización de luz e gas.
Baixo a perspectiva de Cendán, a nova normativa liquidará tres grandes problemas: “Primeiro, a falta de transparencia, pois por teléfono os cidadáns presentaban problemas para identificar con quen está a falar e para que empresa traballa o teleoperador. Tamén os posíbeis enganos e abusos, modulando a conversa para que o usuario terminase achegando información sobre a súa tarifa actual, prezos… e prometendo bonificacións que logo non eran tal”. E como terceira problemática, “terminarase co spam telefónico, tan intrusivo e sen ningún tipo de petición ou autorización previa”.
O Regulamento só admite unha excepción: que sexa o usuario quen, de forma expresa, solicite a contratación da luz e do gas por teléfono, tomando el ou ela a iniciativa da chamada, que deberá ser gravada integramente. Con esta medida reforzaranse as garantías dos usuarios e protexeráselles máis adecuadamente ante as contratacións telefónicas fraudulentas.
O bufete galego lembra que ao alcance de todo cidadán está a posibilidade de protexerse ante as chamadas comerciais, e existen algunhas pautas que se poden aplicar para iso. “Á nosa disposición está a Lista Robinson”, destaca Carla Cendán, “un sistema de exclusión publicitaria no que nos podemos rexistrar para expresar que non queremos recibir esta tipoloxía de contactos telefónicos. É unha opción gratuíta, cun proceso de inscrición sinxelo e telemático e reforza de xeito considerábel a privacidade dos consumidores”.
Ademais, a incorporación á Lista Robinson é vantaxosa para denunciar posteriormente ante a Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) se unha empresa salta a restrición.
“E non debemos esquecer que temos un conxunto de dereitos relacionados coa normativa de protección de datos que podemos exercer: acceso, rectificación, dereito ao esquecemento, limitación do tratamento dos datos… Ademais de actuar como denunciantes ante a AEPD se detectamos estas malas praxes; así contribuímos como cidadáns a facer un seguimento e multar a quen salta a lei”, conclúe Cendán.