Pintos & Salgado móstranos como sobrevivir á zona vermella das compras en liña do Nadal
venres, 20 de decembro do 2024
Nesta época de compras intensivas en Internet, as precaucións que adoitamos aplicar nas nosas adquisicións en tendas físicas cómpre que sexan aplicadas tamén, coas súas especifidades e coas súas particularidades, no ámbito en liña. O bufete galego Pintos & Salgado, especializado en novas tecnoloxías da información, axúdanos neste punto compartindo unha serie de recomendacións que debemos ter en conta. Trátase, explican, “dun mes para extremar a precaución e ser moi conscientes do que mercamos e onde”. O bufete cualifica este remate do ano 2024 de “zona vermella” polos riscos que entraña o gran volume de consumo virtual que se produce nestas últimas semanas.
Con descontos desde finais de novembro, “alcánzanse cifras récord de compra por Internet, pero a oportunidade é dobre: para os consumidores, pero tamén para os ciberestafadores, que se preparan para subtraer datos ou fondos ao saber que haberá picos moi intensos de consumo”, destaca Noelia Montero, avogada especialista en Dereito Dixital de Pintos & Salgado.
Para Montero, a difusión do concepto de zona vermella é fundamental: “Trátase de lembrar a importancia de tomar precaucións neste mes de decembro, porque nos atopamos nun momento tecnolóxico no que os ciberdelincuentes melloraron moito as súas fórmulas de fraude”. E continúa a avogada especialista: “Cos sistemas de Intelixencia artificial (IA) profesionalizaron as ciberestafas, e agora xa xeran contido moi convincente: correos electrónicos hiperpersonalizados, páxinas web que replican a aparencia de sitios oficiais con moita precisión…”.
Desde Pintos & Salgado destacan o aumento da dificultade á hora de identificar as ciberestafas; a súa profesionalización, con deseños atractivos e contidos que parecen lexítimos, pon en risco aos consumidores. “Ante calquera mensaxe ou desconto, debemos estar máis atentos que nunca, sobre todo se é un usuario sen demasiada experiencia na compra en liña. Ultimamente detectamos moitas prácticas a través de correos electrónicos nos que se recibe unha oferta exclusiva dunha tenda de confianza, pero ao facer clic na ligazón, a vítima rediríxese a un sitio web falso que rouba os seus datos persoais e bancarios”, expón Noelia Montero.
Recomendacións para protexerse na Zona Vermella
A avogada explica que existen certas pautas básicas que axudarán a calquera usuario para facer as súas compras online de forma segura. Baixo a súa perspectiva, o primeiro paso céntrase no sitio web, verificando a lexitimidade da tenda antes de efectuar ningunha compra. “Debemos asegurarnos de que estamos en contornas seguras e con protocolos de seguridade sólidos. Se o sitio web empeza exactamente cun https://, significa que a información que se comparte está encriptada e protexida, e terá un protocolo de seguridade fiábel. Tamén nos pode axudar se contan con certificacións que avalan a fiabilidade da páxina, como Mastercard SecureCode ou Verified by Visa”, expón Noelia Montero.
Xunto á revisión do sitio web onde facemos a compra, tamén a xestión dos contrasinais cobra relevancia: deben ser únicas para cada espazo dixital, a poder ser débese activar a autenticación en dous pasos e non gardar a información das tarxetas para futuras compras, a menos que se estea totalmente seguro da seguridade da páxina.
Que facer despois de sufrir unha ciberestafa
A avogada especialista, Noelia Montero, proporciona algunhas guías para quen foi vítima dunha ciberestafa: “Inicialmente, hai que contactar co comercio ou vendedor para tentar resolver a situación. E se non hai resposta ou solución, debemos informar á nosa entidade bancaria para bloquear o pago ou reverter o cargo”.
De forma complementaria a isto, Montero recomenda “presentar unha denuncia ante a Policía Nacional ou Guardia Civil. E se a fraude involucra un uso indebido dos nosos datos persoais, podemos reclamar ante a Axencia Española de Protección de Datos (AEPD). É recomendábel, ademais, gardar calquera correo electrónico, captura de pantalla ou documentación relacionada coa compra, porque poden apoiar a reclamación do usuario”, conclúe.