Pintos&Salgado móstranos como superar a nosa preguiza para mudar contrasinais

luns, 3 de xuño do 2024 S. P.

O bufete galego Pintos&Salgado, especializado en dereito e novas tecnoloxías da información, brindounos neste arrinque de xuño unha nova pílula informativa de utilidade para o noso día a día dixital, desta volva poñendo o foco en como mellorar a nosa actividade en materia de contrasinais e de ciberseguridade, axudándonos a resolver a seguinte pregunta: como podemos combater a preguiza de cambiar as nosas claves persoais dos servizos que empregamos na Rede? A cuestión é de especial relevancia, tal e como nos lembra Noelia Montero, avogada de dereito dixital no bufete coruñés: “Resulta fundamental que establezamos hábitos dixitais de calidade que nos permitan coidar a nosa presenza na Internet. A protección dos nosos datos é tan importante como, por exemplo, a nosa seguridade física”.
Noelia lémbranos que ao mesmo ritmo que evoluciona a nosa sociedade dixital, fano tamén as metodoloxías para a subtracción de datos e identidades por parte dos ciberdelincuentes. Polo tanto, sinala, “un dos principais muros para garantir a seguridade na Internet segue sendo simple: os nosos contrasinais persoais”.
Noelia Montero, avogada especializada en protección de datos do bufete, establece unha comparación para entender a relevancia dunha correcta xestión de contrasinais: “A protección dos nosos datos é tan importante como a nosa seguridade física, e de igual maneira que temos unha serie de hábitos para coidarnos e coidar a nosa saúde na rutina, tamén debemos incorporar unhas pautas correctas de hixiene virtual”. Para contribuír nesa divulgación de bos hábitos, o despacho de avogados da Coruña sitúa baixo o punto de mira os principais erros que comete o usuario medio na xestión dos seus contrasinais. Baixo a perspectiva de Noelia Montero, hai dous grandes problemas: “A primeira pauta que normalmente facemos mal é a reutilización de claves. Afacémonos a utilizar sempre o mesmo contrasinal para todo, e se se nos subtrae, comprometemos desde datos persoais a información bancaria ou de saúde”. Continúa a avogada salientando “que, polo xeral, tampouco lle prestamos moita atención á actualización deses contrasinais, mantemos a mesma durante anos e anos”.
Con só estes dous malos hábitos, recorda Noelia, ponse en risco a privacidade do cidadán ou cidadá, pero tamén aumentan as probabilidades de que un ciberdelincuente roube a súa identidade para suplantala.
A preguiza, o gran inimigo a combater
Detrás destes descoidos virtuais, o que se esconde é un problema, por unha banda, de falta de conciencia sobre o relevante que é protexer a nosa vida na Internet, pero tamén “percíbese, derivada desta falta de concienciación, unha certa preguiza a instaurar uns bos hábitos dixitais”, declara Noelia Montero, engadindo que para superar esta tendencia ao descoido na Internet “o ideal é que nos deixemos axudar por un xestor de contrasinais, que nos alerta de cando é necesario cambialas, normalmente cada 3 a 6 meses, e poden servirnos para ter unha panorámica clara das nosas claves e a súa vulnerabilidade”. A maiores do cambio periódico de contrasinais, un segundo bo hábito para a nosa ciberseguridade resulta a autenticación en dous pasos, que engade unha capa extra, como un código que se remite ao teléfono móbil, e complica moito o hackeo por parte de ciberdelincuentes.
Noelia engade que aínda que a nosa cultura dixital avanza a fume de carozo, un dos grandes retos é que a concienciación sobre a importancia da ciberseguridade tamén evolucione ao mesmo ritmo. “A formación en ciberseguridade debe incluírse xa como parte da nosa educación obrigatoria, porque só desde o coñecemento podemos reducir os riscos e problemas das ameazas dixitais”, apunta a avogada, engadindo que é preciso pór en práctica estas medidas de seguridade no noso día a día, xa que é “unha cuestión de seguridade básica, unha necesidade para a era dixital na que vivimos”, e que se relaciona ademais cunha boa saúde virtual. “De igual maneira que sabemos que facer deporte é un hábito que repercute positivamente na nosa saúde, tamén podemos entender do mesmo xeito estas pautas de protección de datos”, conclúe.