Pintos & Salgado pon o foco nas vantaxes de entregar ás empresas só os datos persoais estritamente necesarios
xoves, 20 de febreiro do 2025
O bufete galego especializado en dereito dixital Pintos & Salgado emitiu un novo informe sobre a realidade tecnolóxica actual e as cousas que debemos ter en conta para garantir a nosa seguridade e aos demais. Desta volta, o bufete pon o foco nas vantaxes para nós do principio de minización de datos e na importancia de proporcionar a menor información posíbel a empresas e organización. Trátase, explican, de valorar o vello lema de “menos é máis”. E engaden: “Non se trata de recoller toda a información, senón só a estritamente necesaria para o que se desexe conseguir”. Así nolo conta Teresa Regueiro, avogada do despacho Pintos & Salgado.
Cambios profundos
Engade a avogada que os cambios nos hábitos de subministro de información son notorios e visíbeis: “A sociedade do século XXI pasou do papel, os bolígrafos e os arquivadores coa nosa información persoal aos programas informáticos e ficheiros dixitais que centralizan e xestionan os nosos datos. Dun sistema lento e limitado fisicamente á rapidez para copiar, compartir e almacenar do ecosistema virtual. Pero aínda que a transformación leva aspectos positivos, tamén impacta de forma negativa no día a día do cidadán: a cultura tecnolóxica actual afíxonos a entregar moitos máis datos persoais dos que se precisan”.
Teresa Regueiro, especialista do despacho en protección de datos sinala que cómpre “partir da idea de que, nun mundo onde se mercadea coa información, os nosos datos persoais son o novo petróleo, e é moi doado que as empresas e organizacións vaian alén das súas atribucións recollendo máis información da estritamente necesaria, cos riscos que traen aparellados”. Para Regueiro, existe un principio fundamental que non só debe ser unha obriga legal, senón unha nova maneira de pensar: o principio de minimización de datos. Xa recollido no Regulamento Xeral de Protección de Datos (RGPD), o principio expón unha máxima clara: que a recompilación destes datos deberá ser adecuada, pertinente e limitada ao necesario para obter o fin que se desexa. É dicir, que non se trata de recoller toda a información posíbel, senón unicamente a imprescindíbel e necesaria.
Explica que máis aló do seu carácter conceptual, o principio de minimización de datos vulnérase cunha práctica cotiá: solicitar fotocopias do Documento Nacional de Identidade para todo. “Se queres comprar un móbil, exercer un dereito ou alugar un piso, para todo iso solicitábase unha fotocopia do DNI, coma se fose unha chave mestra que xustificase calquera cousa”, sinala, lembrando neste punto que a Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) xa emitiu nos últimos anos varios pronunciamentos para sancionar a certas organizacións que solicitaban unha fotocopia do DNI de forma desproporcionada, contradicindo o principio de minimización de datos.
Para Teresa Regueiro, “a entrega do DNI non é un asunto menor, senón que se enfronta a un risco claro: hai que ser conscientes de que proporcionar este dato tan persoal pode derivar en, entre outras cuestións, unha usurpación de identidade”.
Outro mal hábito por parte de empresas e organizacións atende ao requirimento do xénero ou sexo da persoa. É habitual que nos soliciten en moitos formularios de alta este dato, pero sen unha xustificación clara de para que se utilizará, contextualiza Regueiro, que lembra que neste mesmo 2025 o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) emitiu unha sentenza onde establece que a identidade de xénero non é un dato necesario, por exemplo, para realizar unha transacción comercial. Esta decisión xorde por mor de que a compañía de ferrocarril francesa SNCF obrigaba aos seus clientes a elixir un termo de cortesía “señor” ou “señora” para completar a venda de billetes. O tribunal considerou que esta práctica non era indispensábel para a compra e vulneraba o principio de protección de datos. “Ao final, é unha forma de entender o tratamento de datos persoais, unha forma de pensar baseada nunha cuestión fundamental: menos é máis. E que, en moitos casos, unha copia do DNI non é a solución, senón o inicio dun problema”, conclúe Teresa Regueiro desde Pintos & Salgado.