Pintos & Salgado sinala a verificación da idade dos menores como o gran reto dixital para este Día do Neno 2025

luns, 14 de abril do 2025 S. P.

O bufete de avogados Pintos & Salgado, especializado en servizos xurídicos ligados ás novas tecnoloxías da información, aproveita a celebración do Día do Neno, este martes 15 de abril, para compartir un comunicado no que o bufete galego enumera algúns dos grandes retos pendentes para mellorarmos en protección dixital da nenez. No comunicado Pintos & Salgado pon o foco en lembrar “a urxencia de protexer aos máis pequenos no seu desenvolvemento virtual, sabendo que son máis nativos dixitais que nunca”.
Para a especialista en protección de datos Carla Cendán, de Pintos & Salgado, “verificar a idade de cada usuario é fundamental se, como sociedade, queremos garantir que os menores non consuman contidos nocivos, perigosos ou inadecuados, desde pornografía a mensaxes de odio. E, ata a data, non fomos capaces de logralo”.

Una efeméride de gran relevancia

Imaxe de Andrey K

Para o bufete galego, a relación entre os menores e o ecosistema virtual cobra máis relevancia que nunca dentro das conmemoracións do Día do Neno 2025, a xornada que se celebra este próximo martes, 15 de abril, e que serve como unha data de sensibilización sobre as necesidades de nenos, nenas e adolescentes en España. Para contribuír á visualización desta efeméride, o bufete de avogados Pintos & Salgado céntrase nun dos retos máis urxentes para o coidado da infancia: a verificación da súa idade no acceso a contidos adultos. “Sabemos que actualmente a verificación de idade na Internet non funciona de forma adecuada en relación coa normativa de protección de datos. É máis, moitos dos sistemas directamente nin funcionan: búrlanse con facilidade. O menor só ten que premer o botón Son maior de idade e accede directamente ao contido exclusivo para adultos”, expón Carla Cendán, avogada especialista en protección de datos do despacho.
Para Cendán, os datos oficiais que divulgan, entre outros, o Ministerio de Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, son preocupantes: “Sete de cada 10 adolescentes consumen pornografía de forma regular en España. E máis da metade dos mozos de entre 12 a 15 anos afirma ver pornografía, por primeira vez na súa vida, entre os 6 e 12 anos. Esa facilidade de acceso a contidos de adultos é o verdadeiramente preocupante por todo o que carrexa: unha visión distorsionada das relacións sexuais, actuar na adolescencia por imitación deses comportamentos pornográficos…”.
Aínda que os riscos van máis aló do pornográfico, como lembran desde Pintos & Salgado: “Falamos de nenos e nenas que poden poñerse en contacto con adultos perigosos, contratar produtos e servizos sen consciencia do que fan, que moneticen os seus datos persoais ou que mesmo lles sexan inducidos comportamentos aditivos, coas futuras consecuencias na súa integridade física ou mental”.
A gran clave dentro desta problemática é, para o bufete galego, traballar na construción de novos deseños axeitados que reaccionen non cando se detectou o dano ou impacto –como sucede na actualidade– , senón que poidan previr o propio acceso. Con todo, a especialista Carla Cendán é rotunda: en ningún caso o proceso de verificación de idade debe “proporcionar recursos para que os provedores de servizos identifiquen, localicen, perfilen ou sigan a actividade dixital das persoas”. Unha cuestión, esta última, básica para a protección do dereito á intimidade dos usuarios, destaca a avogada.

Unha proposta española: a Carteira Dixital Beta

Imaxe de Sanket Mishra

No seu comunicado o bufete Pintos & Salgado destaca a inclusión dunha proposta no proxecto de Lei Orgánica para a protección das persoas menores que este pasado mes de marzo aprobou o Consello de Ministros. Trátase da denominada como Carteira Dixital Beta, un sistema público que regulará o acceso dos menores, deseñada a modo de aplicación móbil con capacidade de almacenar de forma segura a credencial de maioría de idade do cidadán/a. A Carteira Dixital Beta incorporará, segundo a información ofrecida polo Ministerio de Transformación Dixital e Función Pública, un “sistema de dobre autenticación para evitar que os menores accedan a través dos dispositivos de adultos”. Como peche da súa análise, Carla Cendán alude a un compromiso colectivo: “Protexer aos menores de idade incumbe á sociedade no seu conxunto. No mundo analóxico e no virtual debemos tecer unha rede de coidado, defensa e acompañamento do menor para que poida desenvolverse como adulto en condicións seguras”.
Para o Día do Neno 2025, desde o bufete de avogados Pintos & Salgado urxen “pensar e debater moito máis sobre o acceso e bo uso da tecnoloxía dos nosos menores. En xogo están os dereitos fundamentais de moitas infancias e adolescencias”, conclúen.