Pioneer anuncia novas solucións para facilitar que os maiores poidan escoitar ben a televisión

mércores, 8 de maio do 2013 Marcus Fernández

Pensando na xente maior con dificultades auditivas que se acentúan á hora de gozar da televisión incluso co son bastante elevado Pioneer vén de achegar unha nova liña de dispositivos pensados para facilitarlles a comprensión da voz na televisión sen molestar ao resto dos membros do fogar ou aos veciños con elevando excesivamente o volume do televisor.
Unha destas solucións é o altofalante sen fíos WMS-550, que transmite o son do televisor a un altofalante de curto alcance (ata 30 metros) para achegar fisicamente a fonte do son ao espectador, evitando así ter que elevar o volume do televisor. Este sistema tamén conta cunha función de voice boost, ou sexa, que amplifica o rango de frecuencias da voz humana con só premer un botón, facendo que sexa máis doado escoitar os diálogos nos informativos e series de televisión. O receptor sen fíos deste sistema funciona cunha batería que pode recargarse con só pousalo sobre o emisor.
Outra solución bastante interesante de Pioneer é o sistema VMR-M770, que é un monitor de voz que intercepta e reproduce as voces (incluíndo as que saen do televisor) ao redor a través duns auriculares, amplificando as frecuencias da voz humana para engadir claridade tanto aos diálogos en programas de televisión como a conversas con outras persoas.
Estes dispositivos chegarán ao mercado no mes de xuño a un prezo recomendado de 249,99 euros para os altofalantes VMS-550 e de 349,99 euros para a solución VMR-M770.

PUBLICIDADE