Pixel á Feira converterá Compostela na capital galega do videoxogo os días 8 e 9 de novembro
luns, 20 de outubro do 2025
A Deputación da Coruña presentou Pixel á Feira, o primeiro salón galego do videoxogo que se celebrará os días 8 e 9 de novembro no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela. No acto, celebrado en Alita Comics, participaron a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o vicepresidente, Xosé Regueira; e o coordinador do evento Iago Gordillo. Este proxecto, sinalaron, nace coa vontade de converterse nun punto de encontro anual para a industria do videoxogo en Galicia, “un espazo de intercambio entre profesionais, creadoras e público afeccionado, e unha plataforma de difusión para dar visibilidade aos videoxogos feitos en Galicia e en galego”.
Engadiron que a cita situará este medio no centro da vida cultural galega e buscará recoñecelo como o que xa é a nivel internacional: unha manifestación artística de gran relevancia, un motor creativo e un lugar de encontro. A programación completa e horarios poden consultarse en Pixelafeira.gal.
Goretti Sanmartín salientou a importancia de que Santiago de Compostela acolla este evento porque “somos capital non só do turismo senón tamén doutros sectores como o do comercio e agora o do videoxogo” e, neste sentido, lembrou que o primeiro videoxogo galego, O misterio das 7 pezas, foi creado precisamente en Santiago.
A rexedora tamén puxo en valor a relación de Compostela co uso do galego indicando que “esta é a cidade onde máis galego se fala e onde máis se demandan recursos en galego tanto para público familiar como para a comunidade educativa” e neste contexto considerou moi acaída a posta en valor de produtos que inclúen referentes identitarios propios como a idioma ou o patrimonio.
Pola súa banda, Regueira sinalou que Pixel á Feira “é moito máis ca un congreso, pois abrangue moitas cuestións: mercado, memoria sobre videoxogos, lingua, divulgación...”. O vicepresidente puxo en valor o sector e a importancia de “dar voz a outras partes relacionadas co videoxogo como o ensino, a arquitectura dos videoxogos e a lingua”. Sinalou que “queremos contribuír ao fortalecemento e visibilidade da industria galega, para que continúe promovendo novos produtos e se popularicen”.
Pixel á Feira, dixo Regueira, “ofrece un escaparate para a venda e a promoción das firmas galegas”.
Un dos eixos principais desta primeira edición será a presenza da industria galega, cun programa que inclúe máis de vinte videoxogos desenvolvidos en Galicia que poderán xogarse na Zona Interactiva, así como unha ducia de actividades no Escenario DLC, espazo reservado para presentacións de proxectos, obradoiros e máis actividades.
A dimensión galega de Píxel á Feira reflíctese tamén na programación dos encontros, dedicados á tradución e localización en galego, ao uso dos videoxogos na educación e ao selo galego do videoxogo, con nomes como Alba Calvo, Fernando Moreiras, Isi Cano, Paula Rodríguez, Sara Cubelos, Víctor Justo, Violeta Moldes e Víctor Fernández. Voces referentes a nivel estatal e internacional que achegarán unha ollada profesional sobre a industria. Por outra banda, en relación coa cultura dixital, chegarán a Píxel á Feria a gravación en directo dos podcasts Recuncho Gamer e Exército Mekemeke.
O evento acollerá ademais a entrega do I Certame de Videoxogos en Galego da Deputación da Coruña, que recoñecerá a calidade e innovación de proxectos creados ou traducidos ao galego nas categorías de Mellor Videoxogo, Arte, Narrativa e Mecánicas.
Na Zona Interactiva tamén estará dispoñible a exposición do Museo do Videoxogo de Galicia (MUVI), dedicada á historia e evolución deste medio en Galicia. Un dos grandes atractivos desta parte interactiva serán as máquinas recreativas Daytona USA do ano 93 con ata 8 xogadores simultáneos, unha das experiencias arcade máis inmersivas que contará con clásicos recoñecibles da historia do videoxogo de desenvolvedoras coma Capcom, SEGA ou Taito.
Un evento con proxección estatal e figuras destacadas da cultura dixital. A programación completarase con actividades e convidadas de prestixio a nivel estatal, reforzando a dimensión nacional e de divulgación de Píxel á Feira. O músico e creador de contido Tiaviolí Gaming actuará por primeira vez en Galicia cun concerto que combina música, videoxogos e cultura dixital (sábado 8, 12.45 h), mentres que o divulgador Miguel Ángel Cajigal Vera, O Barroquista, ofrecerá a charla Arte & Historia nos Assassin’s Creed (sábado 8, 17.15 h), explorando o rigor histórico e artístico da popular saga. Ademais, o domingo 9 pecharase a programación co espectáculo Impro Gamer do colectivo Reinas Malas e o Gamesong Trivial Musical.
Torneos e Zona Mercado
Píxel á Feira contará coa súa Zona Mercado, un espazo para tendas, librarías, artistas e marcas vinculadas á cultura dixital. Torneos de videoxogos clásicos e actuais, destacando o Torneo de Tetris organizado por Retro Cabeza, un dos grandes embaixadores deste videoxogo na Península. Os torneos completaranse da man de Legion Gamer con xogos clásicos coma Sonic ou Windjammers, referentes actuais coma Mario Kart 8 DX ou Street Fighter 6, ou videoxogos galegos coma Super Woden GP 2, entre outros.
