Placeres Castellanos, loitadora galega contra o nazismo, centrou un novo podcast de Aquí faltan páxinas
venres, 24 de maio do 2024
A Casa da Cultura de Ponte Caldelas acolleu este 24 de maio un novo faladoiro-podcast do programa da Deputación de Pontevedra Aquí faltan páxinas, desta volta centrado en Placeres Castellanos, a muller que tivo un papel clave na resistencia francesa contra os nazis, sobre a que afondou a súa neta, Silvia Caldas. A deputada provincial Sandra Bastos foi a encargada de inaugurar o faladoiro subliñando que "era unha obriga divulgar a traxectoria de Placeres Castellanos, porque queremos contar historias apaixonantes, das que sentirnos orgullosas, para visibilizar o legado de mulleres vinculadas coa nosa provincia e inspirarnos nelas".
Placeres Castellanos viuse obrigada a fuxir ao sur de Francia tralo asasinato do seu marido, o mestre Víctor Fraiz, polo bando franquista trala sublevación de 1936. Alí permaneceu en campos de internamento e entrou en contacto coa resistencia francesa, coa que colaborou como guerrilleira. Ao rematar a guerra, o seu activismo feminista levouna a representar a Marsella, onde traballaba como xornalista, no Congreso Internacional de Mulleres celebrado en París en 1945. Catro anos despois parte cara Arxentina co seu fillo pequeno e en 1955 regresa a Galicia onde reside ata o seu falecemento en 1971.
A súa traxectoria, así como a das outras mulleres que forman parte da segunda colección do programa Aquí faltan páxinas, está a disposición da comunidade internauta nun podcast do que se poderá desfrutar tanto na web institucional como en Ivoox e Spotify. Nesta segunda edición do programa, que comezou o pasado mes de febreiro coa figura da pintora Carmen Babiano, recóllense as historias de mulleres como Inmaculada Paz Andrade, Urania Mella, María Araujo, a raíña Urraca I de León, as madriñas de San Simón, as leiteiras de Pontevedra, Mercedes Ruibal, Avelina Valladares, María Pardo ou Mary Quinteiro, ademais de Placeres Castellanos.