Plants vs. Zombies 2 ve a luz nos antípodas

mércores, 10 de xullo do 2013 Marcus Fernández

PopCap Games lanza hoxe a secuela do seu principal éxito, Plants vs. Zombies 2, que inicialmente chega só para iOS e, dado que este xogo pasa a ser Free-to-Play, a súa compañía decidiu que a estrea non fose global para poder realizar os debidos axustes nos seus servidores, polo que inicialmente só está dispoñible nas App Store de Australia e Nova Zelandia, que serven así de proba de lanzamento. Durante esta fase o xogo pode recibir numerosos cambios en funcionalidades, prezo dos contidos adquiridos dentro do xogo, estabilidade... estando fixado o seu lanzamento global para o 18 de xullo.
Esta nova entrega do tower defense máis popular en dispositivos móbiles está chea de novidades, que parten principalmente da posibilidade de viaxar no tempo situando a acción no antigo Exipto, no Oeste Americano ou nun barco pirata no Caribe, o que serve para presentar novos escenarios e tamén novas plantas das que iremos aprendendo as súas características para saber cando é mellor o seu uso. Tamén aparece o uso de potenciadores (que poden gañarse no xogo ou adquirirse con cartos virtuais e reais), diferentes tipos de obstáculos, novos tipos de ataques zombi... en definitiva, unha nova volta de rosca que agocha moitas sorpresas e enganchará moitas horas aos seareiros do xogo orixinal, quedando agora por ver se o enfoque Free-to-Play consegue ser o suficientemente equilibrado como para non frustrar aos usuarios que non pagan e manter a rendibilidade deste título do que aínda non se coñece cando chegará a outras plataformas como Android ou Windows.

Aínda que o xogo só está dispoñible polo momento en Australia e Nova Zelandia, xa está totalmente traducido ao español

PUBLICIDADE