Play-Doc renova a súa colaboración coa plataforma Filmin

luns, 13 de setembro do 2021 S. P.

O festival galego Play-Doc, un sobranceiro escaparate ao mellor do xénero documental, vén de confirmar a renovación da súa alianza coa plataforma de audiovisual en streaming Filmin, centrada no cinema independente e en achegar xanelas aos máis prestixiosos festivais internacionais. O acordo, que se materializa por segundo ano consecutivo, chega logo “dos excelentes resultados da edición anterior”, na que ao redor de 15.000 espectadores puideron gozar desde toda España, grazas á dita plataforma, dos contidos do festival con sede na vila de Tui.
Nesta edición o programa proposto por Play-Doc para Filmin estará dispoñíbel en aberto a partir do día 22 de setembro até o 3 de outubro, incluíndo as dúas principais retrospectivas desta edición: a primeira retrospectiva internacional adicada a Manfred Kirchheimer, un dos cineastas documentalistas máis extraordinarios e menos coñecidos no ámbito internacional, e a primeira retrospectiva española da cineasta de culto Bette Gordon, icona da contracultura de Nova York de finais do setenta.
Ademais dos traballos dos norteamericanos, o festival rescata algúns títulos esenciais da retrospectiva que Play-doc dedicoulle en 2019, e tamén por primeira vez en España, ao lendario cineasta filipino Kidlat Tahimik, considerado como o pai do cinema independente filipino.
Con este acordo co Play-Doc, a organización pretende “expandir unha vez máis o alcance da súa programación e repetir o éxito de audiencia, nunha edición que doutra banda contará novamente con algunhas restricións de aforamento debido aos protocolos de seguridade que impón a crise sanitaria”, razóns polas cales entendeuse “a opción online como un complemento necesario a un novo modelo de festival e unha alternativa para poder gozar do certame desde casa”.
Todas as películas estarán dispoñíbeis sen custo engadido para os subscritores de Filmin a partir do día 22 de setembro e até o 10 de outubro.

PUBLICIDADE