PlayStation Now chega a España

martes, 12 de marzo do 2019 Marcus Fernández

Cinco anos tivemos que agardar para que o servizo de PlayStation Now chegase a España, pero finalmente o temos aquí, como unha solución que pese a estar baseada no xogo en streaming na actualidade limita tal funcionamento na PlayStation 4 a títulos de PlayStation 3, mentres que os xogos de PS2 e PS4 poden descargarse e instalarse de xeito tradicional, polo que ofrecen unha experiencia equiparable á de Microsoft con Xbox Game Pass. Na plataforma na que o streaming é inevitable é o PC, xa que agora poderemos gozar dos máis de 600 xogos de PlayStation Now dende un ordenador persoal, facendo así moito máis accesibles estes títulos.
O catálogo de PlayStation Now ofrece actualmente máis de 250 xogos en descarga, xunto con outros 350 xogos á carta que, desafortunadamente, teñen uns recursos en liña bastante limitados, de xeito que hai que facer cola para poder gozar do xogo baixo demanda, estragando en boa media a experiencia.
Dado que estamos ante un servizo no que a calidade da nosa conexión á Rede xoga un papel esencial, é posible subscribirse cun período de proba de 7 días, de xeito que non se nos facturará de saída, de xeito que cadaquén poderá tomar unha decisión de compra informada.
O servizo ten un prezo de 14,99 euros/mes ou 99,99 euros/ano, o que pode resultar bastante atractivo para quen estea interesado en tal catálogo de xogos ou para quen estea interesado en gozar do mesmo cando estea lonxe dunha consola, xa que o streaming dende un ordenador persoal pode ser unha opción interesante (especialmente para acceder aos xogos de PS4, que carecen de colas de espera).
PS Now chega hoxe a España, Italia, Portugal, Finlandia, Suecia, Dinamarca e Noruega, cun catálogo de xogos crecente e cunha experiencia en streaming que como principal eiva ten os tempos de espera, que nos momentos de escribir estas liñas están no contorno da media hora, algo que a todas luces semella inaceptable, pero que podería responder ao volume de usuarios que están a aproveitar o período de probas de balde, de xeito que en poucas semanas é de esperar que a experiencia de uso sexa moito mellor, e poida consolidarse como un competidor solvente do Xbox Game Pass.

JPEG - 39.4 KB
Os tempos de espera poden estragar a experiencia de uso de PlayStation Now nos seus primeiros días, aínda que é de esperar que as colas reduzan a súa duración en poucas semanas

Vídeo promocional de PlayStation Now

PUBLICIDADE