PlayStation Plus deixa de lado a PS4

mércores, 31 de decembro do 2025 Marcus Fernández

Este ano o servizo de subscrición de videoxogos de Sony, PlayStation Plus, celebrou os seus 15 anos de actividade, e anunciou un importante cambio que se fará efectivo nos vindeiros días: deixarán de ofrecer regularmente xogos para PlayStation 4 a partir de xaneiro.
Deste xeito, PlayStation Plus centrarase na PlayStation 5, e só ofrecerá xogos mensuais de PS4 de xeito ocasional, polo que xa non poderían considerarse vantaxes clave do servizo.
Cómpre salientar que isto non afecta aos xogos de PS4 que os xogadores xa canxeasen, pois manteranse na súa colección mentres manteñan unha subscrición activa a PlayStation Plus.
Nas últimas horas tamén se filtrou a posibilidade de que entre os xogos que estarán dispoñibles a partir do 6 de xaneiro para subscritores de PlayStation Plus destaque especialmente Need for Speed Unbound, a entrega máis recente da saga de condución de Electronic Arts. O xogo xa leva máis de 3 anos no mercado, destacando o feito de que non estaba dispoñible para consolas da anterior xeración, polo que encaixa perfectamente na nova política de PlayStation Plus.