PlayStation Plus ofrece en agosto o xogo LEGO Star Wars: The Skywalker Saga

mércores, 31 de xullo do 2024 Marcus Fernández

Os subscritores de PlayStation Plus poderán engadir á súa colección de xogos a partir do 6 de agosto tres títulos bastante variados. O xogo máis coñecido do mes de agosto é, sen dúbida, LEGO Star Wars: The Skywalker Saga, unha revisión das clásicas películas do universo cinematográfico creado por George Lucas e pasadas pola liña estética e o toque de humor de LEGO, dando lugar a un divertido xogo para toda a familia que funciona tanto en PS4 como en PS5.
Para un público máis tolerante aos sustos teríamos Five Nights at Freddy’s Security Breach, tamén para PS4 e PS5, pero que nesta ocasión sería a última entrega da serie de xogos de terror desenvolvida por Steel Wool Games, que se ben non destacan pola súa calidade, tiran proveito dunha franquía de grande éxito.
Completa a colección de xogos de agosto un título para PS4, Elder Lilies: Quietus of the Knights, un escuro xogo de rol, acción e fantasía en 2D editado por Binary Haze Interactive, pouco coñecido xa que estamos ante un título independente, pero que pode resultar bastante curioso tanto pola súa estética como polo feito de que se sitúa nunha terra chamada Finisterra tras un dioivo mortal que transformou aos seres vivos en iracundos mortos viventes, e na que unha moza chamada Lily terá que avanzar enfrontándose a numerosos e desafiantes inimigos.

Os tres xogos de agosto en PlayStation Plus destacan pola súa variedade