PlayStation Plus subirá de prezo o 31 de agosto

venres, 28 de xullo do 2017 Marcus Fernández

O servizo de subscrición de pagamento para as consolas PlayStation que facilita o acceso ao xogo en liña para PlayStation 4, a un par de xogos ao mes seleccionados para PS4, PS3 e PS Vita e a descontos exclusivos na PlayStation Store, pese a estrepitosa caída da calidade dos xogos que ofrecen para descargar mensualmente (imperando actualmente os títulos independentes ou simplemente descoñecidos para o grande público), prepara unha suba de prezo.
Concretamente a partires do 31 de agosto as subscricións anuais a PlayStation Plus pasarán de custar 49,99 a 59,99 euros, o prezo trimestral pasará de 19,99 a 24,99 euros e o prezo mensual cambiará de 6,99 a 7,99 euros, ou sexa, unha suba de prezo entre o 14 e o 25%, o que parece totalmente desproporcionado, especialmente se temos en conta que boa parte dos subscritores xa non miraban con bos ollos a ter que pagar para poder xogar en liña coa súa PS4 cando tal servizo era de balde en PS3.
En calquera caso cómpre advertir de que os novos prezos aplicaranse despois do 30 de agosto, ou sexa, que é posible adiantar as renovacións das subscricións, xa que estas son acumulables.

PUBLICIDADE