PlayStation abre a porta aos fans para entrar nos seus xogos con The Playerbase

martes, 7 de abril do 2026 Redacción

Sony anunciou o lanzamento de The Playerbase, unha nova iniciativa coa que pretende reforzar a relación coa súa comunidade permitindo que algúns usuarios pasen a formar parte dos propios videoxogos de PlayStation Studios. A proposta arrinca con Gran Turismo 7 e prevé estenderse a outros títulos no futuro.
O programa baséase nun proceso de escaneo facial que analizará a aparencia dos participantes para recreala dentro do xogo. Destacan que esta iniciativa forma parte da súa estratexia para «achegar aínda máis aos fans á experiencia PlayStation» tras máis de tres décadas de traxectoria da marca.
Os interesados en participar en The Playerbase deberán cubrir unha solicitude en liña, na que se lles pedirán datos sobre a súa relación coa plataforma, ademais de iniciar sesión coa súa conta de PlayStation e facilitar información adicional.
Unha vez avaliadas as candidaturas, Sony escollerá un número reducido de finalistas, que pasarán por unha fase de entrevistas para afondar na súa historia como xogadores. Finalmente, seleccionarase unha única persoa que será incorporada a Gran Turismo 7 cunha aparencia especial durante un tempo limitado.
Ademais da súa presenza no xogo, o participante elixido colaborará no deseño dun logotipo personalizado (Fantasy Logo) e dun vinilo exclusivo para vehículos, que se integrará de maneira permanente no menú Showcase. Como parte do proceso, recibirá tamén unha invitación para desprazarse a un estudio de artes visuais en Los Ángeles, onde se realizará o escaneo e o traballo creativo xunto a profesionais do deseño.
O obxectivo desta iniciativa é ampliarse progresivamente a máis títulos de PlayStation Studios, adaptando a presenza dos fans ao estilo e universo de cada videoxogo.