PlayStation anuncia un novo programa de fidelidade

xoves, 14 de xullo do 2022 Marcus Fernández

Os xogadores de consolas PlayStation contarán este ano cun novo programa de fidelidade, PlayStation Stars, que permitirá que os membros poidan gañar premios por completar diferentes campañas e actividades. Nalgúns casos chegará con xogar a un título para recibir un premio, mentres que noutras campañas será preciso gañar torneos, conseguir certos trofeos ou ser o primeiro xogador da zona horaria en conseguir o platino nun título de éxito.
Todos os membros de PlayStation Stars poderán conseguir puntos, que poderán gastarse nun catálogo que pode incluír fondos para o moedeiro de PSN e determinados produtos da PlayStation Store. Os membros de PlayStation Plus tamén recibirán puntos en PlayStation Stars cada vez que fagan unha compra na PlayStation Store.
Dentro de PlayStation Stars tamén haberá coleccionables dixitais, representacións dixitais de elementos apreciados polos afeccionados de PlayStation, como figuras de personaxes icónicos.
Máis adiante detallarán o funcionamento deste programa, que pretende evolucionar ao longo do tempo.

PUBLICIDADE