Plazy recala en Vigo coa súa tecnoloxía ao servizo da limpeza sustentábel
luns, 16 de setembro do 2024
Plazy, firma innovadora de lavado sustentábel a domicilio para vehículos, barcos e fogares, recalou neste comezo do curso na cidade Vigo, e fíxoo ao abeiro dunha estratexia de espallamento nacional coa que busca converterse no “player principal da limpeza ecolóxica no mercado español”.
A empresa ofrece un servizo de lavado profesional en seco, a man e a domicilio, que, segundo engaden os responsábeis de Plazy, permite aos seus clientes aforrar tempo e ata un 99% de auga en cada lavado. Coa apertura da nova sucursal en Galicia, Plazy estima un aforro de 180 mil litros de auga en 2024 e 500 mil gramos de CO2.
A startup sinala que xa realizou máis de 7.000 servizos entre os seus máis de 3.000 clientes entre particulares, empresas e administracións públicas, entre as que destacan institucións como Aigües de Barcelona e o Ajuntament de L’Hospitalet. Ademais, Plazy espera terminar o exercicio de 2024 cunha facturación dun millón de euros.
No plano tecnolóxico, conta cunha plataforma que permite aos clientes reservar e pagar os servizos a través de Internet e un algoritmo que asigna o servizo a un limpador da empresa, ou plazier, que se despraza ata o lugar acordado co cliente nun vehículo ecolóxico con todo o necesario para realizar a limpeza. En concreto, o seu algoritmo ten en conta a dispoñibilidade do cliente, a meteoroloxía, os tempos de traxectos segundo o tráfico, a ocupación e a rendibilidade para axendar as peticións do servizo aos seus plaziers, o material de limpeza necesario e regular de forma automática a súa ocupación para non sobrepasar as horas de traballo permitidas.
O cliente pode valorar a través da plataforma a calidade do servizo realizado, subscribirse ao servizo de lavado xornal e recibir avisos para as próximas datas de limpeza previstas. Ademais, co novo servizo de recomendación de lavados, tamén pode saber que tipo de limpeza necesita o seu vehículo en cada momento.
A empresa foi fundada por Davide Brea, galego afincando en Cataluña, que é actualmente o director executivo (CEO) da startup.